Etiquetas

28 marzo 2009

GRUPO FEMININO DE OURENSE (SECCIÓN DO PARTIDO GALEGUISTA)

Nos anos trinta haberá mulleres ourensás como Xosefina Bustamante dona de O. Pedrayo, Emillia Blanco de Monjardín, Milagros Rodríguez dona de Cuevillas, Celia Bouzas de Peña, Xoana Somoza de G. Salgado, Isabel Algarra de Ramón, María del Socorro R. De Guede, María do Carmo Fernández dona de Risco, Mercedes Docampo, Felisa María Morais, María Teresa Cortón, Carmela Salgado, Catalina López Cid, Mercedes López Cid, Manuela Ventura, Rosa Docampo, Carmen G.Rodríguez, Pura González, Mariña Peña, Esther Peña, Maruxa G.Quiroga, Victoria González Quiroga e Maruxa G.Gándara, que constituirían dentro do Partido Galeguista O Grupo Feminino de Ourense, actuando Celia Bouza e Mercedes Docampo como presidenta e secretaria respectivamente, que si quixeron reivindicar posturas políticas e se implicaron no proceso de concienciación doutras mulleres. Todas elas asinarán un manifesto expondo as súas razóns pero, aínda que as súas interpelacións sobre o papel que debería xogar a muller galega ante o devir da terra, eran moi interesantes, a óptica era moi tradicional, pois concedíalle á muller o deber de ser depositaria e gardiana da tradición (similar ao punto de vista defendido pola igrexa). Así mesmo, daban relevancia ao papel da muller como educadora dos/as seus/súas fillos/as e como auxiliadora dos seus homes. Este manifesto tivo transcendencia e eco en Galicia pois foi publicado tanto no periódico independente de Lalín, Razón, como en A Nosa Terra. Para o periódico Razón a calidade do texto merecíalle o seguinte exordio: Se oxe (sic) se levantara Napoleón, xa non podería decir como n´aquel tempo, que as mulleres solo sirven para remandalo-s calcetis; as mulleres d´oxe tanto figuran no foro, como nas letras, como nas crenzas, como nas artes; a muller d´oxe en día, tan pronto atende os traballos d´o fogar como se pon o frente d´un exército en defensa d´a Terra que a veu nacer; a muller d´oxe en día danos os homes un exemplo moi grande que non debemos votar no olvido. Vede, senón, ese manifesto que un grupo de distinguidas mulleres ourensás, vos pon deante chamándovos a todal-as mulleres a unión. Fixádevos ven e cavilade un pouco, xa veredes como, acabando por convencervos d´a realidade, acabaredes por acudir o chamamento d´esas compañeiras vosas que merecen o respeto, a ademiración i-o recoñecemento de tod-os vos galegos”[1]. O manifesto publicado íntegro nos dous xornais dicía textualmente o seguinte: “Niste momento en que Galicia háchase (sic) máis necesitada que nunca de agarimo e de todos os esforzos dos seus fillos, pra defensa dos seus dereitos descoñecidos e feridos de toda sorte, coidamos que é cando a muller galega, chamada á vida púbrica (sic) por imperativos dos tempos que corre, e por a natureza ha ser no lugar a conservadora das tradicións dos nosos maiores e a educadora dos galegos de manan, debe coller decididamente o posto que lle corresponde. Enrolándonos baixo da bandeira de Galicia, pra defendermos o que nos e mais achegado e mais querido imos aportar a nosa vontade o noso entusiasmo á terra dos que queren erguer a Patria galega á cultura e dinidade de que é meritoria...Coma mulleres e como galegas, a nosa misión ten que ser de paz e de afirmanza. En ben da nosa Terra, chamamos á concordia e á unión a tódolos fillos de Galicia, pra unha obra de construcción e de vida, non pra unha laboura negativa e destructora. Chamamos ao voso corazón de fillas e de nais; pola lembranza dos antergos e polo porvir dos nosos fillos; pol-o noso fogar, pol-a nosa tradición, pol-a nosa cultura, pol-a nosa fala...”[2] [1] “As mulleres galegas”, Razón, Periódico independiente, Lalín, nº. 2, 3-8-1933 en RODRÍGUEZ GALDO, Mª Xosé (coord.), Textos para a Historia das mulleres en Galicia, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, 1999, pp. 575-576. [2] “Exemplos”, A Nosa Terra, 6-8-1933, pp. 1-2.

PILAR ABELLA


Pilar Abella foi durante moitos anos profesora especializada en Pedagoxía terapéutica e talvez as técnicas empregadas na comunicación cos seus alumnos, cheas de imaxinación na maioría dos casos e utilizando o debuxo e a cor como medio fundamental de expresión, son o antecedente máis inmediato da actual pintora. Por iso a obra de Pilar Abella esta chea de expresividade e de mensaxe; para ela, a pintura, é un medio de comunicación, a través do cal nos mostra todo o seu mundo interior. Formada tecnicamente en escolas de Arte de Madrid, onde accedeu a clases de pintura en escolas privadas e oficiais, nas que se impartían distintas tendencias plásticas e pictóricas. Céntrase fundamentalmente nos grandes mestres do Impresionismo: Monet, Manet, Van Gogh, Saura, Chagal, Soutine,etc. Asómase ao mundo das exposicións na súa cidade natal, Ourense, en Galicia e en diversos puntos de España. Viaxa a París. Viaxe e estancia de estudo intenso. Contacta con grandes personalidades do mundo da arte: Fernando Arrabalde, Jack Vanarsky, Isabel Echarri, etc. Os comezos de Pilar Abella no mundo da pintura remóntanse ás primeiras imaxes e sensacións que percibe na súa nenez e, iso é así, a pesar de que as súas primeiras obras non se plasmaron até hai soamente uns anos; por iso é polo que exista a falsa crenza de que nos atopamos ante unha pintora de vocación tardía. Soamente se nos referimos ao feito de pintar de forma, digamos profesional, pode resultar certa esa crenza; pero Pili debuxo e pinto desde os seus comezos na escola. Atopámonos cunha pintora que esencialmente pinta sentimentos; sentimentos que lle saen ?a granel? da súa alma e así se explica a súa pintura, pola suma de sensacións e vivencias interiores que, desde nena, foi acumulando até a actualidade e que, chegado un momento, rompen no seu interior cunha forza incontrolable que desemboca nunha primeira manifestación da súa pintura. Logo foi a técnica adquirida e o profundo estudo o que explica o nivel alcanzado. Así, do impacto que o mar causou na súa alma. Ese mar da infancia acompañará a Pilar Abella ao longo de toda a súa vida e forma parte esencial da súa obra, con esas barcas amarradas polas súas cordas ao fondo do mar e con todas as cores e tonalidades que nos podamos imaxinar. Esa nostalxia melancólica explica tamén as súas innumerables evocacións aos temas como as feiras e os carruseis que lembran, sen ningún xénero de dúbida, a súa infancia, cos seus numerosos irmáns, nas contornas da Alameda e do Xardín do Posío en Ourense.

ANISIA MIRANDA


Naceu en Ciego de Avila (Cuba) o 30 de decembro de 1932. É filla de emigrantes ourensáns. Estudiou Maxisterio e Xornalismo na Habana. Por razóns familiais, no 1953 trasladouse cos pais a Bos Aires. Alí ampliou os seus estudios, e coñeceu a Xosé Neira Vilas. Casaron en 1957, ano no que fundaron "Follas Novas". Distribuidora do libro galego en América, que dempois foi tamén editorial. Dende o principio vencellouse á cultura galega. Asistiu as clases patrocinadas pala Asociación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas (AGUEA) que dictaban Ramón de Valenzuela, Xeografia Galega; Alberto Vilanova, Historia de Galicia; Rafael Dieste, Literatura Galega; Eduardo Blanco Amor, Idioma Galego; Antonio Baltar, Economía de Galicia. Traduciu ó galego poemas de autores latinoamericanos: José Martí, Rubén Darío, Amado Nervo, e ó norteamericano Walt Whitman. Todas foron aparecendo en publicacións galegas de Bos Aires. Voltou a Cuba co seu home, en 1961. Traballou con Alejo Carpentier na redacción da revista "Pueblo y cultura", e mais tarde como coordinadora nacional de edicións de libros para nenos e adolescentes, ademais de levar a administración da editorial por un tempo. Desempeñouse como xefa de redacción do semanario infantil "Pionero". Foi cofundadora e xefa de redacción das revistas para nenos "Zunzun" e "Bijirita". Colaborou en varias publicacións periódicas, dirixiu un programa de radio, actuou como xurado en diversos concursos. No eido da creación literaria é autora de obras de poesía, narrativa, teatro, viaxes e biografía. En teatro e narrativa obtivo importantes premios en Cuba, entre os que salientan tres premios "La Edad de Oro", teatro para nenos e adolescentes; e o Premio Nacional "Ismaelillo" de la Unión de Escritores e Artistas de Cuba. Dalgúns dos seus libros lévanse publicados centos de milleiros de exemplares, en Cuba. Parte da súa obra está traducida ao eslovaco. Ten a medalla Raul Gómez García da Unión de Escritores e Artistas de Cuba.Tamén ten a medalla poIa Cultura Nacional, do Ministerio de Cultura de Cuba. Foille conferida a medalla Ho Chi Minh e a Orden da Amizade otorgada polo Consello de Ministros de Viet Nam, polo seu traballo de solidariedade con aquel país. En 1992 radicouse co seu marido en Galicia. É vicepresidenta da Fundación Xosé Neira Vilas.

TERESA ARMAS GAGO

A poeta e narradora Teresa Armas Gago naceu circunstancialmente en Santander no 1959, vivíu case toda a súa vida non Barco de Valdeorras, con pequenos intervalos de estancia en Madrid, Oviedo e Avilés. Teresa Armas presentara a súa primeira novela, titulada 'Samaná', na Casa da Cultura de Llanes en abril de 2004. O libro ten a súa orixe nunha viaxe que realizou á República Dominicana en 1983, aínda que concluíu a obra en 1995. O seu contacto máis fecundo coa literatura realizouno a través da poesía, xénero ao que chegou da man da súa curmá, a poetisa galega Carmen Gago Florenti. De feito, a maior parte da súa obra atópase publicada en libros recompilatorios editados polo Instituto de Estudos Valdeorreses, entidade cultural con sede na localidade ourensá do Barco de Valdeorras. Teresa Armas era unha escritora intimista, en verso e tema libre, que se enfrontou ás estrofas á idade de doce anos, cando estudaba no instituto de Llanes. Dous libros seus de poemas titulados “De ayer y de hoy” e “El corazón en la mano” permanecen inéditos. Na súa época xuvenil proclamouse vencedora nun concurso de redacción a nivel rexional. Faleceu en Llanes aos 48 anos.

27 marzo 2009

MARÍA LUZ VILLAR OTÓN


Naceu en Madrid en 1937. Actriz e directora de teatro, locutora de Radio Galicia (Ser) en Compostela e da Cope en Ourense, presentadora de festivais e actos culturais e conferenciante, colabora na prensa escrita como Faro de Vigo, La Voz de Galicia, La Región. e publicou en 1974 Cauce desnudo, libro de poemas. Mariluz Villar, como se coñece no mundo do teatro, no que é pioneira en Galicia, realizou un labor de sumo interese: confundadora e primeira atriz do grupo compostelán Ditea, creadora da Aula de Teatro de Ourensee do Estudio de Artes Escénicas en Galicia (1983) e organizadora das Semanas Teatrais no Teatro Principal de Ourense, en conmemoración do Día Mundial do Teatro. En 1990 rescata a antiga tradición do teatro nos templos, coa conseguinte representación na igrexa de Santa María Nai e na Catedral de Ourense de autos sacramentais de Lope, Calderón e Valdivieso.
Recibiu, entre outros, o galardón Hérculos de prata e a máscara de ouro á mellor atriz principal, e o primeiro premio no I Certame de Teatro Rexional de Galicia (1990)

MANUELA SOTO NICOLÁS

Naceu en Hannover (Alemaña) de pais galegos. Estudou violín, piano e canto no Conservatorio Profesional de Ourense e no Superior de Madrid, trasladándose posteriormente a Stuttgart para cursar estudos superiores e de posgrao na Staatliche Hochschute für Musik und Darstellende Kunst co profesor H. Lips. nas especialidades de lied alemán, ópera, música vocal contemporánea e pedagoxía musical Dalcroze, cunha bolsa da Fundación Segundo Gil Dávila, Banco de España, Comunidade de Madrid, Ministerio de Cultura e a Universidade Alexander von Humboldt. Participou na produción de óperas diversas. Paralelamente ao seu labor operístico, exerce a docencia en Stuttgart como profesora de Canto. Tivo importantes galardóns.

DORA VÁZQUEZ IGLESIAS


Dora Vázquez Iglesias nace en Ourense o 21 de agosto de 1913. Dos seis aos trece anos estuda na Coruña onde reside, máis tarde, aos dezasete anos, comeza a estudar maxisterio na Escola Normal de Ourense, para exercer en Teimende, Ourense, durante 18 anos e en Lalín, A Coruña, durante 15. Comeza a publicar desde moza en publicacións como A Noite en 1948, Vida Galega, Vagalume, Céltica . Escribe tamén en Maxisterio español , e en Escola española escribe relatos e contos infantís. Traballou para a radio no programa "Sempre en Galicia" e en RNE na Coruña en Emisión Bazar. É irmá da tamén escritora Pura Vázquez con quen publicou varios libros. Casa con Antonio Rodríguez Vázquez e teñen dous fillos, Antonio Afasto e Abelardo. En 1963 recibe o 2º Accesit Xogos Florais de Ourense por "Canto a la ciudad de Orense". A Primeira Mención Honorífica por teatro infantil, "En busca de un corazón" no II Concurso de teatro e literatura do Ministerio de Educación e Ciencia, Madrid 1971. En 1974 o Terceiro Premio Poesía Infantil "Caballito Repintado" Madrid Escola Española e o Primeiro Premio no I Certame de Panxoliñas de Valdeorras e o Bierzo por "Luces en Belén nacidas". Faleceu o 24 de setembro de 2010.
Obra:
Autobiografía-memorias. Orense: Diputación Provincial de Ourense. Biografía. As pontes do amor. Novela. Personalidade e obra de Pondal, 1960. Ensayo. Ganadora del Premio Casa de Galicia de Montevideo 1960 Palma y Corona (historias santas). Madrid: Escuela Española, 1964. Cuentos. Caminos de Plata y Sol. Orense: Comercial, 1966 Un poema cada mes. Orense: La Región, 1969. Poesía. Irmá. Orense: La Región, 1970. Poesía. Los poetas, 1971 Bergantiñá. Orense: La Región, 1971. Novela. Tres cadros de teatro galego. Orense: La Región, 1973. Teatro. Monicreques. Orense: La Región, 1974. Teatro. Oriolos neneiros. Orense: La Región, 1975. Poesía. Campo e mar aberto. Lugo: Celta, 1975 Duas novelas galegas. Orense: La Región, 1978. Novela. Cascabel, o cabaliño do circo, 1979. Cuento. Ganadora del IX Premio O Facho 1976 Fantasías infantiles. Orense: La Región, 1980. Teatro. Ronseles. Orense: La Región, 1980. Teatro. Viaxe o país dos contos e da poesía. Orense: Caja de Ahorros Provincial de Ourense, 1985 Oración junto al camino. Madrid: Rondas, 1985. Poesía. A xeito de antoloxía. Orense: Gráficas Gutenberg, 1992. Poesía. Mulleres amadas por grandes homes. Sada: Ediciós do Castro, 1993 Soñando con Ourense. Orense: Ayuntamiento de Ourense, 1995 Oración junto al camino. Orense: Gráficas Gutenberg, 1995. Poesía.

22 marzo 2009

PURA VÁZQUEZ IGLESIAS


A nena rebuldeira e algo tímida que foi Pura Vázquez naceu en Ourense nun marzal de 1918. Filla dun traballador de Correos e dunha ama de casa, a cuarta de cinco irmáns, axiña comezará a se desprazar polo mundo: o seu primeiro destino será A Coruña, a onde os pais se trasladan na procura dunhas mellores condicións económicas. A febleza da súa saúde manifestarase prematuramente: con dous anos enferma de tifus e está a piques de perder a vida. A Pura xa adolescente, de volta en Ourense, goza cos contos, coa palabra escrita que le (ás veces ás agochadas), mais tamén coa que crea ela mesma. Pura accede a Andersen, a Grimm, a Selma Lagerlöf e igualmente o fai á tríada do Rexurdimento, a Lamas e a Noriega, que coñece grazas aos libros do pai. Con 15 anos, escribe a súa primeira novela curta, La esposa niña, hoxe inédita e seguramente perdida. A figura paterna apoia á futura escritora no seu gusto polas letras e por esa época agasállalle a súa primeira máquina de escribir. No instituto, Otero Pedrayo ocúpase de orientar as súas primeiras publicacións, que verían a luz na revista La Zarpa.Cando estoupa a Guerra Civil, Pura conta con 18 anos. Ao seu pai, socialista, trasládano para A Guarda e alí é detido e levado a prisión, onde pasará tres anos. O seu mozo Sindo, tamén socialista, sofre así mesmo as consecuencias da contenda fatricida. Cando sae da cadea, decide marchar á fronte. Morrerá na Batalla do Ebro deixando desolada a unha Pura que se sostén, xunto coa súa avoa, nai e irmá Dora co soldo de mestra desta última. Ao pouco tempo, a escritora decidirá dedicarse profesionalmente á docencia. Tras unha breve experiencia en Galicia como mestra, é destinada a unha vila de Segovia, na que leva a existencia tranquila que lle permite seguir escribindo. Nestes anos dá o prelo o que será unha das súas primeiras obras: En torno a la voz: poemas (anteriormente, os compañeiros do mozo falecido xa lle publicaran un libro breve con poemas seus, en edición reducida). Por problemas de saúde, trasládana a Madrid, onde entra en contacto coas elites culturais da capital (alí coñece, entre moitos outros, a Carmen Conde, Baroja, Cela) e comeza a publicar, aos poucos, na maioría das revistas poéticas españolas do momento. Nesta época, igualmente, principia a súa actividade no eido da literatura infantil.O seu gusto pola viaxe e pola aventura e o seu carácter curioso lévana en 1955 a viaxar a Venezuela na procura dun futuro mellor. A xornada en que Pura parte do peirao de Vigo dirección a diáspora, diferentes intelectuais galegos (entre os que se atopaban Fernández del Riego, Piñeiro e García Sabell) despiden á autora. Xa na diáspora, entra a traballar no parvulario do máis moderno centro educativo de Caracas. De aí, grazas ás súas colaboracións na revista da petroleira Shell, pasa a ser a secretaria da Escola de Humanidades. Mais a actividade crítica e literaria da ourensá non cesa: namentres continúa colaborando con publicacións españolas, comeza a participar tamén nas venezolanas (especialmente con poesía infantil). Igualmente, en Caracas, en moitas ocasións a través do Centro Galego da cidade, onde terá un programa cultural, coñecerá aos persoeiros máis diversos. Celso Emilio Ferreiro, Fidel Castro e Pablo Neruda son algúns deles.Cinco anos despois da súa partida, volve a Madrid, onde ficará dous anos. Neste tempo continúa ocupada coa literatura, coa novidade de que comeza a crear cancións. Curiosamente, unha delas, "Réplica", presentarase ao VI Festival de la Canción Mediterránea. En 1962, a autora decide viaxar por segunda vez a Venezuela. Nesta ocasión, traballa de secretaria na Reaseguradora Nacional. Aínda que é a viaxe na que mellor se atopa no país, dado que conta con círculos de coñecidos xa establecidos, dous anos máis tarde retorna de novo a Galicia e a Madrid. Porén, pouco despois de volver da terra adoptiva, Pura arela regresar a ela, polo que axiña o fai. De novo en Caracas, a súa ocupación esta vez será a de arquiveira de fotografías no Instituto de Cooperación Educativa. Non obstante, o tempo venezolano vese crebado ao sufrir a autora un asalto na rúa que a mantén atemorizada durante un tempo considerable e que lle fai tomar a decisión de volver definitivamente ao Estado Español. Era o ano 1969.De volta na Península, o seu primeiro destino é a vila de Marchena (Sevilla), onde gaña unha praza como mestra. Un ano despois, o seu lugar é de novo, Madrid, onde ficará durante dúas décadas. A publicación, sobre todo, de obras destinadas ao público infantil, en colaboración coa súa irmá Dora, será constante nestes anos, así como tamén o relacionamento coas xentes do mundo cultural madrileño. Nesta etapa, a autora escribirá tamén a súa única novela longa: Os Aldán foron a América. Tamén en Madrid, no colexio onde ensina, Pura coñece ao mestre Manuel Batanero Almazán, co que casa o 16 de febreiro de 1975. O matrimonio será feliz, aínda que se verá turbado polas constantes doenzas do home (un ano e medio despois da voda sufrirá un infarto e logo padecerá o cancro que acabará coa súa vida en febreiro de 1985).Pouco despois do falecemento de Manuel, Pura retorna definivamente a Galicia e durante uns seis anos, por primeira vez dende que fora iniciada, a súa actividade creativa cesa. Porén, a partir de 1992 comeza a enviar de novo artigos a xornais e, nese ano, o seu obradoiro literario volve rexistrar un traballo continúo, imparábel, centrado na súa obra en galego. Nesa data compón Man que escribiu no mar, Anos de navegar, Desmemoriado río e Se digo Ourense, que sairán do prelo, agás este último, tirado no mesmo 1992, en anos vindeiros. No terreo do persoal, a autora consegue, nestes comezos da década dos noventa, superar a mesma enfermidade que sufrira o marido para seguir creando, aínda que con altibaixos na súa saúde. En 1996 aproveita unha convalecencia para escribir as súas memorias, Terra matria dos soños, que se publicarán en 1999. Tras recibir algunhas homenaxes, especialmente na cidade natal, cunha obra en galego que se revalorizará nos seus últimos anos de vida e que aínda non foi estudada en toda a súa profundidade, Pura Vázquez morreu no seu fogar de Ourense o 25 de xullo de 2006.OBRA1943 Peregrino de amor, poesía en castellano y en gallego, Larache (Marrocos).1944 Márgenes veladas, Ourense, La Región.1948 En torno a la voz: poemas, Ourense, Imprenta y papelería Otero,1951 Desde la niebla, Segovia, Casa de Antonio Machado.1951 Madrugada fronda, Madrid, Imprenta Méndez.1952 Columpio de Luna y Sol, Madrid, Boris Bureba.1952 Íntimas, Lugo, Xistral.1952 Tiempo mío, Madrid, Nueva Imprenta Radio.1955 Maturidade, Buenos Aires, Ediciones Galicia del Centro Gallego.1956 Mañana del amor, Barcelona, Surco.1959 13 poemas a mi sombra, Caracas, Editorial Arte.1963 A saudade e outros poemas, Vigo, Galaxia.1968 Rondas de norte a sur: poesía infantil, Ourense, Caja de Ahorros Provincial.1971 O desacougo, Vigo, Galaxia.1971 Los poetas, (obra conxunta con Dora Vázquez), Ourense, Ayuntamiento. 1974 Monicreques: teatro infantil galego, (obra conxunta con Dora Vázquez), Ourense, La Región.1974 Los sueños desandados, Bilbao, Cla.1975 Pura e Dora, (obra conxunta con Dora Vázquez), Ourense, La Región.1975 Oriolos neneiros, (obra conxunta con Dora Vázquez), Ourense, La Región.1978 Dúas novelas galegas, (obra conxunta con Dora Vázquez), Ourense, La Región.1980 Fantasías infantiles: cuentos-teatro, (obra conxunta con Dora Vázquez), Ourense, La Región.1980 Ronseles: catro pezas de teatro infantil galego, Ourense, La Región.1985 Viaxe ao país dos contos e da poesía: poemas e contos para os nenos, (obra conxunta con Dora Vázquez), Ourense, Caixa Ourense.1985 Contacto humano del recuerdo: poemas , Barcelona, Rondas.1990 Antología: (poesía en castellano): 1944-1985, Ourense, Gutemberg.1991 Antoloxía: poesía galega: 1952-1971, Ourense, Gutemberg.1992 Verbas na edra do vento, Sada (A Coruña), Edicións do Castro.1992 Zodíaco: poesía bilingüe, Ourense, Gutember, 1993 Ardente identidade, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia.1993 Man que escribiu no mar, Ourense, Gutemberg.1994 A carón de min: nova antoloxía poética, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia.1994 Se digo Ourense, Ourense, Concello.1995 Orballa en tempo lento, A Coruña, Espiral Maior.1995 Poesía de Pura Vázquez, Ourense, Caixa Ourense.1996 Os Aldán foron a América, Ourense, Deputación Provincial.1997 Desmemoriado río, A Coruña, Espiral Maior.1998 Herida soledad hacia lo alto, Ediciones Torremozas, Madrid.1999 Terra matria dos soños, Abano Editores, Ourense.2000 Teatro completo para nenos, (obra conxunta con Dora Vázquez), Ourense, Abano.2001 Náufragos da elexía, Poio (Pontevedra), Litoral das Rías.2001 O mundo máxico das ideas, Ourense, Gutemberg.2002 O frade era galego e outros relatos, Sada (A Coruña), Edicións do Castro.2002 Sempre irmá. Poesía en ton menor, Ourense, autoedición.2002 A música dos tempos: poemas, Ourense, Gutemberg.2004 Todo ven desa luz: poemas galegos , Ourense, Deputación Provincial.

JESUSA PRADO LÓPEZ


Jesusa Prado López naceu en Ourense o 21 de novembro de 1887. Os seus pais foron Ramón Prado, obreiro da industria do calzado que instalou unha pequena peletería en Ourense para alimentar a súa familia e Soledad López, labrega. Jesusa medrou nese ambiente aínda que xa desde moi nena destacou pola súa intelixencia. Aos catro anos xa podía ler os xornais ás xentes que se reunían no negocio do pai, así como ao cura da Catedral de Ourense, cidade na que chegou a estudar o bacharelato.En 1910, con trece anos, arribou co seu pai a Cuba, onde se encontrarían posteriormente coa nai e outros dous fillos. Xa daquela os seus proxenitores eran perseguidos polas súas ideas socialistas, ata o extremo de que nunha ocasión lles queimaron a súa vivenda, na que pereceron dous dos seus fillos. Na Habana o seu pai comezou a traballar nunha fábrica de ladrillos onde Jesusa asistía ás tertulias dos traballadores durante as súas asambleas, así como ás dos tabaqueiros. Era aquel un momento no que o incipiente movemento obreiro cubano estaba dominado polo anarcosindicalismo. O pai morreu de cancro e Jesusa comezou a traballar aos 16 anos na tinturería Lindsay, do Cerro, onde coñeceu a dúas irmás de José Martí que cosían para ese negocio. Mais a verdadeira vocación de Jesusa era outra. Como dixera na súa glosa Manuel Carnero "(...) la pasión de esta gallega que se forjó culturalmente sola, era la escritura. Escribía sobre todo de política, literatura, arte y también versos".En 1920 casa co galego Donato Figueiral Quintas, natural de Solveira de Paderne, de profesión cocheiro, e o seu fogar convértese nunha especie de consulado galego na Habana. Ao compás dos labores a prol da colectividade, o nivel intelectual de Jesusa, e a súa definición ideolóxica, moi achegada ao marxismo, foron medrando co tempo . De feito, en 1925 sostén apaixoadas polémicas con dous dos intelectuais cubanos máis destacados do momento, como Juan Marinello ou Gustavo Aldereguía. Arredor de 1934, Jesusa regresou coa súa filla Soledad (Solita) a Ourense, onde rexentou unha tinturería e ingresou no Partido Comunista Español (PCE). Participou nas grandes folgas obreiras de Asturias e foi apresada coa súa filla. Aínda que logo quedou libre da cadea, non puido saír da súa casa ata as eleccións de 1936. Cando se sublevan os xenerais con Franco, Jesusa bótase á rúa e arenga ao pobo para combater o fascismo. Entre outras accións revolucionarias, acompañou unha manifestación obreira que reclamaba armas nas portas do Goberno Civil. Unha vez máis, Jesusa volveu ser detida e foi recluída no cárcere de Celanova, e aínda que se deu orde de fusilala, finalmente foi trasladada á prisión de Bande e despois á de Ribadavia. O cónsul cubano en Vigo, Luis Bas Molina, recibiu de Donato Figueral a cidadanía cubana de Jesusa. En novembro de 1938 a policía española levou a Jesusa ata Valença do Miño e entregouna á policía portuguesa, que a trasladou a Lisboa. Bas Molina conseguiu sacar a Solita para Portugal e ambas as dúas embarcaron para Cuba no buque Iberia.Na Habana foron vivir a unha cuartería en Centro Habana para mudarse máis tarde á rúa Maloja e por último, á rúa 13, entre 12 e 14, no barrio do Vedado. Alí Jesusa abriu unha tinturería co nome "El Buen Gusto", na que ela se ocupaba de repasar a roupa.Foi electa vicepresidenta da Asociación Hijas de Galicia, consolidándose así coma unha das personalidades máis respetadas da colonia galega en Cuba. Co trunfo da Revolución Cubana en 1959 cedeu a súa tinturería ao Estado cubano e pasou a traballar nas tendas do Hotel Nacional, na Casa Isabel e outros establecementos. Jesusa Prado foi unha das fundadoras dos Comités de Defensa da Revolución (CDR) en 1961 e o comandante Ernesto Che Guevara designouna para actuar como docente nos círculos de estudos do Banco Nacional que entonces el dirixía. O mesmo labor fixo tamén no xornal Hoy, do Partido Socialista Popular (PSP). Cando Dolores Ibarruri, A Pasionaria, visitou A Habana, invitada polo Goberno Revolucionario, reuniuse con algunhas mulleres da colonia española, entre elas, Jesusa Prado, establecéndose unha grande sintonía entre ambas as dúas. Tivo tamén oportunidade de se reunir con Santiago Carrillo e Enrique Líster, que a foron visitar durante as súas estadías en Cuba. Despois de sufrir sete infartos que a obrigaron a se xubilar en 1967 das súas tarefa políticas, pero nunca da súa militancia, Jesusa morreu na Habana o 15 de abril de 1971. En nome do PCE, asistiu ao seu enterro o xornalista español José María González Jerez, do xornal España Republicana. O Goberno Revolucionario cubano estivo representado pola ofrenda floral enviada polo Xeneral do Exército Raúl Castro Ruz, Segundo Secretario do PCC.En Cuba, Jesusa Prado López representa para moitos a grandeza e a valentía da muller loitadora, firme nas súas ideas e nos seus principios.

ÁNXELES OCAÑA ALBERO

Naceu no Barco de Valdeorras en 1933. Tras una estadía de once anos en Madrid, onde estuda Maxisterio e asiste a clases particulares de debuxo e pintura, establécese na Coruña. Alterna a docencia cos seus estudos de Debuxo na Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos para entrar no taller do pintor coruñés Pucho Ortiz, onde realiza un curso monográfico co profesor Xosé Luís Rodríguez e participa en cursos internacionais de gravado. Dedicada plenamente á docenca desde 1992 realizou murais para institucións públicas e privadas.
Vid: Enciclopedia Gallega, tomo 35, p. 139.

ANA LEGIDO

Naceu en Ourense o 21 de marzo de 1939. De ascendencia paterna castelá e materna galega, cursou Maxisterio na Escola Normal de Ourense, á vez que asistía a clases de debuxo na Escola de Artes e Oficios da mesma cidade, e de moi nova desenvolveu as súas inquedanzas artísticas. En 1960 casou co pintor Fernando Quesada e tiveron tres fillos con inclinacións artísticas. Ana impartía clases a nenos e nenas na escola pública o que influiría na súa pintura, cunha visión tenra e máxica da vida. Tras expoñer nas cidades galegas mosa a súa obra na Galería Durán de Madrid. A súa amizade co crítico de arte Castro Arines lévaa a ingresar no grupo "Inxenuístas de España" presidido polo doutor Vallejo Nájera, e participa en exposicións individuais e colectivas de pintura. Foi galardonada co Premio da Crítica e a súa obra repártese en importantes museos de Portugal, París, Italia, Cidade Real.
Vid: Enciclopedia Gallega, Tomo 35, pp. 6-7.

15 marzo 2009

CARMEN LEGIDO PASCUAL

Carmen Legido Pascual estudou na Facultade de Farmacia de Santiago de Compostela e tamén aparece inscrita na facultade de Ciencias en 1917. Nacida en 1898 en Villarcayo, Burgos, residiu en Ourense onde cursou estudos no Instituto Provincial ata conseguir, coa nota media de aprobado, o título de bacharelato. Ingresa na facultade de Farmacia aos 19 anos e obtén, despois de cursar os cinco anos por oficial, a titulación cunha cualificación notable.
Vid: Cid Galante, Rosa María, "As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria" (I e II) en Minius, XI e XII, 2003 e 2004.
Foto: Vida Gallega, xaneiro, nº 100, 1918.
Vida Gallega, nº 229, xullo 1923.

IRENE ÁLVAREZ VERAS

Irene Álvarez Veras naceu en 1898 en Ourense. Ingresou en 1917 no instituto Provincial onde realiza os seis cursos de bacharelato e obtén o título. En 1923, aos 25 anos, aparece rexistrada na facultade de Medicina onde realiza tres cursos con bos resultados para trasladarse a Madrid para especializarse en Odontoloxía. A prensa do momento eloxiaba a esta prezada muller:
“Conocida en Orense como Irenita Álvarez, entrevista a esta odontóloga. Sus estudios predilectos eran las Ciencias, concretamente las Ciencias Naturales y al terminar bachillerato hizo Universidad por esa rama. Hizo los estudios por libre haciendo el curso de preparatorio de Ciencias en una sola convocatoria. Después se matriculó en oficial en la Facultad de Medicina en Santiago pasando luego a Madrid a cursar Odontología. Tenía buena relación con sus compañeros con los que hablaba y charlaba del tema. Pero además de tener la especialidad de Odontología tenía el Título de Maestra Nacional. Ahora ansía trabajar como odontóloga" (La Zarpa, 17 de marzo de 1929).
Vid: Cid Galante, Rosa María, "As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria" (I)(II), Minius, XI e XII, 2003 e 2004.
Foto: Vida Gallega, n1 129, xullo 1919.

08 marzo 2009

MATILDE GONZÁLEZ (MATILDE LLORIA)

Escritora nacida en Albacete o 23 de setembro de 1914 e afincada en Ourense durante longo tempo, participou activamente na vida cultural da cidade de Ourense. É autora de moitos poemas en galego, ademais do libro de versos Caixiña de música, prologado por Otero Pedrayo. Co libro Lembrando ao Cristo de Ourense gañou en 1976 o primeiro premio en a "Festa de ensaltación Poética de Ourense". Asinaba co seudónimo Matilde LLoria.
Vid: Enclopedia Gallega, Tomo 32, p. 36.

ELENA QUIROGA ABARCA


Escritora que naceu en Santander o 26 de outubro de 1921, era filla de nai santanderina e pai galego (José Quiroga Velarde, ourensán, coñecido como o Conde de San Martín de Quiroga). Ao quedar orfa de nai, Elena Quiroga pasará parte da súa infancia e adolescencia en Viloira no pazo da súa familia e este lugar tería moito que ver na ambientación das súas obras, sobre todo na novela "Viento del norte" publicada no 1950. En Viloira hai unha rúa que leva o seu n ome. Foi a Roma a estudar bacharelato e logo volve á provincia de Ourense en 1938. Tras estar en Barcelona, a escritora estivo en A Coruña en 1942 e comeza alí a súa carreira literaria cunha formación en gran parte autodidacta. A obra literaria de Elena Quiroga é moi ampla comprendendo novelas como : La sangre; La careta; Plácida, la joven; Algo pasa en la calle... Vid: Enciclopedia Gallega, Tomo 26, p. 43.

06 marzo 2009

CARMEN GONZÁLEZ LEDO

Esta escritora naceu en Allariz o 17 de maio de 1910. Aos seis anos trasladouse coa súa familia a A Coruña e aos dezanove pasou a Madrid opositando ao Ministerio de Facenda. Destinada a Ourense en 1933, obtivo logo o traslado a Coruña. As súas aficións a escribir comezaron cando era moi pequena, pero non saíron a luz os seus escritos, pois nunca pretendeu publicar. Ao coñecer os seus poemas, Juan Naya Pérez le aconsellou publicalos e prolongou o seu libro Recendos, impregnado, a miúdo de forma dorida, de Galicia nos seus diversos aspectos temáticos, afectada polos seus distintos problemas.
Vid: Gran Enciclopedia Gallega, Tomo XVI, p. 114.

05 marzo 2009

MARÍA DEL PATROCINIO ARMESTO ALONSO

Outra distinguida universitaria que acadará a licenciatura en Ciencias, resaltada pola prensa local de Ourense, será María Patrocinio Armesto Alonso, que aínda que era natural de Alcañices, Zamora, estivo ligada á cidade Ourensá. Nace en 1906 cursa estudos de bacharelato no Instituto Provincial de Ourense e ingresa na facultade no ano 1923 aos dezasete anos, matricularase durante catro cursos e saca de nota media notable licenciándose en 1927 (segundo consta nos Expedientes Académicos do Arquivo Histórico Universitario) A prensa ourensá non desdeña os eloxios para esta destacada muller, como así o amosa a noticia recollida no xornal da época: “La señorita María del Patrocinio Armesto Alonso que terminó en la Universidad Compostelana los estudios de la Carrera de Ciencias Químicas con brillantísimas calificaciones....Y el triunfo es tanto mayor, porque supone un noble esfuerzo el llevado a cabo por la Señorita Armesto Alonso, en esta edad en que la mayoría de las mujeres sueñan únicamente con estas fiestas sociales, o dedican las horas a un “flirteo” discreto...” en “Orensanas que triunfan”, La Región, 22 de junio de 1927. Exercería como profesora no Instituto Provincial. Así pois, acada o título de licenciada en Ciencias na sección de Química. Realizou os exercicios de grao de licenciatura o 29 de setembro de 1930. Cursou as materias correspondentes ao grao de doutoramento no curso 1928-29. En 1930 fixo o curso de Electroanálise de Combustibles na Universidade Central. Tamén realizou os estudos correspondentes ao Título de Maxisterio Nacional. Profesora agregada numeraria de institutos nacionais de Ensino Medio de Ciencias Naturais. Desempeñou os seguintes cargos: agregada interina de sección de Ciencias do Instituto Cisneros no curso 1928-29. Logo no 1932-33 e 1933-34 desempeñou o mesmo cargo no Instituto de Pontevedra. En Soria, no curso 1937-38 encargouse do curso de Agricultura. pasou ao Instituto de Ourense no curso 1938-39. Foi encargada de Ciencias Naturais no Instituto de Ensino Medio de OUrense no curso 1942-43. Foi encargada de Agricultura no Instituto de Tui nos cursos 1940-42. Foi catedrática do Instituto de Ensino Medio de Ourense desde 1949 ata 1975. Vid: Cid Galante, Rosa María, "As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria", (I)(II), Minius, nº XI e XII, 2003-2004. Bande, E., Institucións docentes e grandes mestres en Ourense (1846-2005), Galaxia, Vigo, 2010, pp. 239-240.

02 marzo 2009

PAZ PARADA PUMAR

Naceu en O Canedo, Ourense, en 1905 e en 1915 realiza o exame de ingreso no Instituto Provincial onde realiza os seis anos de bacharelato obtendo un brillantísimo expediente (en varias materias acadou o premio extraordinario). En Santiago realiza tres cursos nos que acada a máxima cualificación para, finalmente, solicitar traslado a Madrid onde rematará os estudos e licenciarse no ano 1929. Comeza a traballar en Mérida xunto ao seu marido, logo trasládanse a Lugo e, finalmente, a Ourense onde traballa na sección de Análises. Exercería a súa profesión ata 1969.
Vid: Cid Galante, Rosa María, "As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria" (I e II) en Minius, nº XI-XII, 2003, 2004.
Foto: cedida pola súa filla Inés Freijanes

EUGENIA PEREIRA RODRÍGUEZ


Nacida en O Carballiño en 1895 foi a primeira muller galega que obtén a licenciatura en Farmacia. O 7 de abril de 1895, no Carballiño, Maximino González Álvarez asenta unha nena nacidad o día 3 de Abril dese ano. Naceu na casa de Purificación Rodríguez que era comerciante. En 1913 foi recoñecida polo seu pai, César Pereira Munín, avogado, veciño da vila de Carballiño. O seu avó foi notario e o seu pai, César Pereira, tamén o era. Estudará no Instituto Provincial de Ourense onde acada unhas moi boas cualificacións. Filla de labradores. Realiza por libre tres cursos de bacharelato no Instituto ourensán onde obtén de media notable. Decide continuar estudos na Universidade pero o seu pai opúñase a que a súa filla ingresara , e dicía que a unha muller lle bastaba con saber guisar, coser e pasar o ferro. Pero cando a súa filla, pouco despois, lle replica que xa sabe guisar, coser e pasar o ferro, e que está preparada para ir á Universidade o seu pai accederá.Solicita logo un certificado para a Universidade de Santiago inscribíndose en Farmacia en 1918, combinando a opción libre e oficial e, coa nota media de notable, licénciase en 1922-23. Esta muller tamén figura en 1920 na Facultade de Medicina onde realiza a especialidade de Hixienista. Estivo en réxime de pensión no Instituto Pasteur e na cidade Condal. Por oposición obtivo a praza de Xefe do Laboratorio Químico da aduana de Barcelona. Contraeu matrimonio con Ramón Castells Fortún.
Vid: Cid Galante, Rosa e Benso Calvo, Carmen, Los expedientes de las estudiantes de bachillerato: una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930)Historia de la educación: Revista interuniversitaria, ISSN 0212-0267, Nº 26, 2007, págs. 437-470. Cid Galante, Rosa María, "As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria"(I, II), Minius, nº XI e XII, 2003 e 2004. Bande Rodríguez, E., Institucións docentes e grandes mestres en Ourense. 1846-2005, Galaxia, Vigo, pp. 338-339.
Foto: Vida Gallega, nº 239, decembro 1923.

OLIMPIA VALENCIA LÓPEZ

Olimpia Valencia naceu en Baltar en 1896. Foi a primeira galega que acada unha titulación universitaria pois en 1924 remata os estudos de Mediciña, é, polo tanto, a primeira licenciada galega en medicina. Os estudos de bacharelato realízaos no Instituto de Pontevedra e ingresa en Medicina en 1919, con 21 anos, licenciándose con brillantes cualificacións. Para completar a súa formación solicita o Certificado a Madrid onde se especializa en xinecoloxía. De novo regresa a Galicia, concretamente a Vigo, onde fundará a Academia Médico Cirúrxica e exercerá a súa profesión ata xubilarse.
A súa proeza non pasaría desapercibida ante a sociedade ourensá da época, e mesmo a prensa se fai eco do evento:
"La bella señorita orensana, hoy residente en Vigo, Olimpia Valencia López, primera mujer gallega que con la nota suprema acaba de obtener la licenciatura en la Facultad de Medicina, en la Universidad Compostelana, después de ter cursado toda la carrera con la extraordinaria brillantez" (La Región, 30 de junio de 1925).
Olimpia Valencia foi unha adiantada á súa época. Vivíu o espírito de rebeldía contra a Ditadura de Primo de Rivera. Ao implantarse a Segunda República, Olimpia Valencia é unha muller comprometida politicamente e asina en 1931 un chamamento de apoio aos candidatos de provinciade Pontevedra e en 1936 mostra o seu apoio asinando outro manifesto a favor do Estatuto Galego. Despois do golpe militar franquista, Olimpia foi detida en 1937 permanecendo catro días no cuartel da Garda Civil para saír de novo en liberdade. Ao comezar a traballar as súas pacientes teñen medo de asistir á súa consulta por estar Olimpia catalogada como "Roja", a pesar diso Olimpia segue adiante. Nos anos 40 consegue ingresar na Seguridade Social e 40 anos despois xubílase máis o traballo coas mulleres continúa ate os 82 anos. Morre en Vigo en xullo de 1987.
Para saber máis: Vid: Mulheres Nacionalistas Galegas, Recuperando a Nossa Historia, Vigo, Concellería de Cultura, Educación da Muller, 1998 e 1999.
Cid Galante, Rosa María, "As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria"(I, II), Minius, nº XI e XII, 2003, 2004.
Foto: extraída da publicación Recuperando a Nossa Historia.
Delfina Mediero e Olimpia Valencia. As dúas foron alumnas da Academia Mediero e no Instituto obtiveron brillantes resultados acadando o Título de Bacharelato. Foto: Vida Gallega, nº 136, novembro de 1919.

01 marzo 2009

OLGA GALLEGO


Naceu en Ourense en 1923 e cursou Filosofía e Letras na Universidade de SAntiago e en 1958 ingresa por oposición no Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos, sendo destinada á Biblioteca Pública e Arquivo da Delegación de Facenda en Vigo como directora. Logo trasladouse ao Arquivo de Ourense. Ordenou no Arquivo Diocesano de Ourense, catalogou bibliotecas públicas da Escola de Comercio, etc. É membro do grupo Marcelo Macías do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e vocal do Patronato da Fundación Penzol, correspondente á Real Academia da historia e condecorada co Lazo da Orde de Alfonso X. Publicou moitos traballos. Vid: Enciclopedia Gallega, Tomo XV, p. 100.

POEMA: DEFENSA DAS MULLERES de Filomena Dato

DEFENSA D' AS MULLERES Decim' os que crendes en Dios y-as suas obras: ¿Cal foi d' a creacion a espréndeda coroa? ¿Cal foi a que Dios fixo a últema de todas? ¿Foi o mar...? ¿As estrelas...? ¿A luz d' a branc' aurora...? ¿Foi a estáuta de barroqu' á sua imáxe propea un alma lle infundira intelixente y-hermosa...? ¿Foron cicais os ánxelesque pobraron a groria...? Foi a muller que tivoa fertuna grandiosa

FILOMENA DATO MURUAIS

Naceu en Ourense a mediados do século XIX, participou nun movemento literario que na cidade do Barbaña dirixía Lamas Carvajal e foi colaboradora da prensa periódica de entón, como o El Heraldo Gallego. A fama desta poetisa foi grande e as súas composicións foron premiadas en numerosos certames literarios celebrados dentro e fóra de Galicia. En 1887 obtivo en Ourense tres premios polo seu poema Defensa das mulleres que será incluído máis tarde no seu libro Follatos. Foi premiada nos Juegos Florales de Tuy en 1891. Faleceu en 1926 en Sada.

CONSUELO CORRAL ALLER

Naceu en Ourense e irmá de Clara Corral Aller. Publicou en varios periódicos galegos tanto prosa como contos. Vid: Enciclopedia Gallega, Tomo 7, p. 165.

CLARA CORRAL ALLER

Naceu en Ourense o 8 de xuño de 1847 e faleceu en A Coruña en 1908. Dedicouse á poesía e parte da súa produción foi publicada. O seu único libro foi o titulado A Herminia. Composicións destacadas son A nada de canto el dixo e Lonxe vai miña alegría que foron publicados en La Ilustración Gallega e Asturianas.
Vid: Enciclopedia Gallega, tomo 7, p. 165.

MARÍA DEL ROSARIO CASTELLS VILA

Naceu en Viana no Bolo. A súa nenez pasouna en Betanzos onde estudou Bacharelato que remataría no Instituto Eusebio da Guarda da Coruña.  Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, doutorándose en 1961 coa tese titulada La comarca natural de Viana del Bollo dirixida por Alonso del Real e Otero Pedrayo. A importancia deste traballo e o feito e ser un dos primeiros de xeografía comarcal galega motivou que a fundación Calouste Gulbenkian de Lisboa subvencionara a súa publicación en 1967. Un ano despois publica o seu segundo libro: Vivencias de Galicia-ideario. Castells Vila obtivo varios premios polos seus traballos xeográficos, históricos e literarios e tamén o premio Fernández Latorre en 1966. Como docente exerceu no Instituto de O Carballiño e no Blanco Amor de Ourense e logo nun Instituto Coruñés. Nesta etapa estudou a carreira de Medicina en Santiago e, concluída a licenciatura, exerceu como médica no Hospital Municipal de Labaca. Posteriormente, fíxose oftalmóloga. Pertence á Real Academia das Artes e das Letras. Foi ademais catedrática de Xeografía Historia e membro de número vitalicio da Real Sociedade Xeográfica de Londres e membro da Real Academia de Belas Artes Galega. Na actualidade unha rúa de Viana do Bolo leva o seu nome. 
Faleceu o 25 de setembro de 2012 en A Coruña e os seus restos repousan en Viana do Bolo.  
Recentemente presentouse un libro moi interesante sobre as persoas ilustres da vila de Viana do Bolo e alí faise mención desta excepcional muller. O autor é Carlos Ares e o libro titúlase "Ilustres".
Vid: Enciclopedia Gallega, Tomo V, p. 215.
Vid: Marco, A., Dicionario de mulleres galegas, A Nosa Terra, 2007, p.93-94.

Artigo de Corona González en A Nosa Terra

Check out this SlideShare Presentation:

CORONA GONZÁLEZ

Corona González naceu en A Rúa e vivíu en París, Londres, Brasil, Arxentina...sempre acompañando ao seu home que era Conselleiro Delegado do Banco Español de Río. Nos países estranxeiros tivo ocasión de coñecer a emigración galega e este sería un tema recorrente nos seus artigos. Colaboraba de forma asidua con A Nosa Terra. Os seus escritos tiñan un carácter reivindicativo en defensa da muller e da súa cultura e educación. O artigo máis interesante é o titulado "Para os pais que tein fillas" publicado en A Nosa Terra e onde acusa aos proxenitores por non ofrecerlles unha educación ás fillas.
Vid: Vida Gallega, 1917.

Artículo de Blanca Calvo publicado en La Región en 1918

Check out this SlideShare Presentation:

BLANCA CALVO

Mestra de ensinanza primaria que naceu en Ourense. Compaxinou o seu labor docente coa de escritora. Preocupada polas obras sociais de cultura popular, pola defensa do desvaído, pola muller solicitando para ela unha cultura e unha educación. Sobre estes temas escribía en diversos xornais como o de Galicia publicado en Vigo; El Heraldo; El Compostelano; A Nosa Terra... Tamén escribíu pezas dramáticas, que logo eran representadas nos centros educativos que ela dirixíu, entre esas pezas destacan: Escuela de la vida, trátase dunha comedia publicada en La Zarpa e estrenada en 1924. Blanca Calvo faleceu en 1924. Para saber máis ver: Couceiro Freijomil, Antonio, DBBE, Santiago, 1951. Marco, Aurora, As precursoras, A Coruña, A Voz de Galicia, 1993, pp. 177-179.
Foto: Vida Gallega, nº 255, xullo 1924.

HISTORIA DAS MULLERES OURENSÁS

Penso que era necesario realizar un blog en memoria das nosas ourensás máis ilustres