Etiquetas

05 marzo 2009

MARÍA DEL PATROCINIO ARMESTO ALONSO

Outra distinguida universitaria que acadou a licenciatura en Ciencias e foi resaltada pola prensa local de Ourense, será María Patrocinio Armesto Alonso, que aínda que era natural de Alcañices, Zamora, estivo ligada á cidade Ourensá. 

Naceu o 14 de xullo de 1906 e era filla de Odilo Armesto Salgado, Comandante de Carabineros e de Elvira Alonso Castrillón, de Ourense, e sobriña do insigne Alfonso Alonso Castrillón quen residiu durante moitos anos en Bos Aires e faleceu en maio de 1938. 

Cursou estudos de bacharelato no Instituto Xeral e Técnico de Ourense tras realizar o exame de ingreso o 11 de xuño de 1917. Estivo matriculada ata 1920 e cursou tres cursos pola opción oficial. Obtendo en todas as materias sobresaliente e nalgunhas matrícula de honra.

O 4 de setembro de 1920 solicitou traslado para o Instituto de Pontevedra.

Ingresou na facultade de Ciencias no ano 1923 aos dezasete anos, matricularase durante catro cursos e saca unhas cualificacións brillantes, licenciándose en 1927. A prensa ourensá non desdeña os eloxios para esta destacada muller, como así o amosa a noticia recollida no xornal da época:

(Fonte: Heraldo Gallego, 12 de decembro de 1926, p. 1. Galiciana)

“La señorita María del Patrocinio Armesto Alonso que terminó en la Universidad Compostelana los estudios de la Carrera de Ciencias Químicas con brillantísimas calificaciones....Y el triunfo es tanto mayor, porque supone un noble esfuerzo el llevado a cabo por la Señorita Armesto Alonso, en esta edad en que la mayoría de las mujeres sueñan únicamente con estas fiestas sociales, o dedican las horas a un “flirteo” discreto...” en “Orensanas que triunfan” .(La Región, 22 de junio de 1927.)


(Fonte: El Correo de Galicia , 31 de xullo de 1927. Galiciana)

Toda a prensa galega recollía o encomiable expediente de Patrocionio Armesto:


(Fonte: El Pueblo gallego 28 de xuño de 1927. Galiciana.)

Así pois, acada o título de licenciada en Ciencias na sección de Química. Realizou os exercicios de grao de licenciatura o 29 de setembro de 1930. Cursou as materias correspondentes ao grao de doutoramento no curso 1928-29. En 1930 fixo o curso de Electroanálise de Combustibles na Universidade Central. Tamén realizou os estudos correspondentes ao Título de Maxisterio Nacional.

Desempeñou os seguintes cargos: agregada interina de sección de Ciencias do Instituto Cisneros no curso 1928-29. Logo no 1932-33 e 1933-34 desempeñou o mesmo cargo no Instituto de Pontevedra. En Soria, no curso 1937-38 encargouse do curso de Agricultura. Pasou ao Instituto de Ourense no curso 1938-39 e nese ano foi ao Insituto de Lugo a ocupar a Cátedra. Foi encargada de Agricultura no Instituto de Tui nos cursos 1940-42.

Voltou a Ourense e foi encargada de Ciencias Naturais no Instituto de Ensino Medio  no curso 1942-43.  Foi catedrática do Instituto de Ensino Medio de Ourense desde 1949 ata 1975.

Os seus logros foron recollidos pola prensa orensá e galega destacándoa en inteleixencia "igual ao home". Ademais de impartir clases no Instituto tamén fundou en Ourense unha Academia, xunto con Elena Cortés Santiago, onde preparaban para as oposicións de Maxisterio por correspondencia sendo unha novidade para o momento xa que, segundo indicaban no anuncio, evitábase o desprazamento á capital:

(Fonte: La Región, 4 de setembro de 1954, p. 2. Galiciana)

Vid:Rosa María Cid Galante, Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese inédita. Cid Galante, Rosa María, As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940) (II) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 12, 2004, pags. 73-102. As primeiras ourensás ante o reto de educación universitaria (1900-1930) (I) Minius: Revista do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, ISSN 1131-5989, Nº 11, 2003, pags. 139-156; Bande, E., Institucións docentes e grandes mestres en Ourense (1846-2005), Galaxia, Vigo, 2010, pp. 239-240.
Vida gallega, 1927 xullo 10.