Etiquetas

28 junio 2009

CORA NOVOA


Cora Novoa irrompeu con forza no panorama electrónico español. Nativa de Ourense e fincada en Berlín, "Henry Saiz", aclama como unha das máis firmes promesas do emerxente e cada vez mellor son. Encheo páxinas enteiras nos foros especializados, catalogándoa mesmo como a "nova raíña" da electrónica nacional.

23 junio 2009

UXÍA CASAL


A escritora Uxía Casal, malia que non naceu en Ourense podemos mencionala neste blog pola vinculación que tivo coa nosa cidade. Tal como ela nos conta: "Nacín en Santiago de Compostela o 13 de maio de 1957 e alí vivín durante vinte e sete anos, até que marchei a Ourense a traballar no ensino público. Estudiei no único colexio laico e feminino que había daquela na cidade, San Paio, onde entrei con tres anos e saín con dezasete. Gustábanme a historia, a arte e a literatura moi por riba doutras materias, así que, acabado o COU, decidinme pola Facultade de Xeografía e Historia, onde me licenciei en Historia da Arte Moderna e Contemporánea en 1979. A lingua e a literatura seguían chamando por min e comecei Filoloxía Románica ese mesmo ano; en 1981 pasei a Filoloxía Hispánica, e en 1984 licencieime por segunda vez. Ó tempo que estudaba, impartía clase de francés e literatura nas Aulas da Terceira Idade, e de español nos cursos para estranxeiros da USC durante un par de veráns. Semellaba predestinada ó ensino, e ó rematar Filoloxía marchei a Ourense a dar clase de galego na Universidade Laboral. En 1986 aprobei a oposición de ensino secundario de Lingua Galega e ó ano seguinte tomei posesión da praza definitiva desa materia no Instituto As Lagoas. Alí permanecín ata 2003, ano en que me xubilei por problemas de saúde. Actualmente vivo en Ribeira, á beira do mar, gozando dun clima suave, de moita tranquilidade e, sobre todo, deste océano sempre igual, sempre cambiante." Un dos seus libros titúlase "Sede en Ourense" no que se narra que na cidade xa fai quince anos que non chove e o río Miño vai seco e iso fai cambiar as formas de vida, os costumes...A raíz disto prodúcese o tráfico ilegal da auga. Son catro os protagonistas ligados por ese tráfico ilegal.

16 junio 2009

MAITE VÁZQUEZ

Desde o mundo da docencia Maite Vazquez tivo a ocasión de colaborar en actividades creativas como o monicreque e o teatro. En 1970 fúndase a compañía de titeres "Concepción Arenal" no colexio que leva o mesmo nome, que recorreu Galicia durante máis de dez anos, levando á escena contos escritos por Maite, para público infantil. Decorados, paneis, e por suposto marionetas e monicreques saíron das súas mans. Xa en terreo do teatro profesional, colaborou coas compañías "Rúa Viva" e "Marisa Calvo", no deseño e elaboración de de vestiarios, decorados, atrezos.
Nai de Carlos Costoya, un pintor destacado que fixo exposicións en España e estranxeiro.

08 junio 2009

CARMEN FERNÁNDEZ

De novo estiven a ollar o libro "Rostros da Memoria" de Xurxo Lobato. É un libro fotográfico entrañable. Alí atopei, xunto a moitos, á "Chelo". Pois ben, hoxe quixera mencionar a outra muller que, aínda que non aparece fotografada pois é mencionada como nai de Camilio de Dios Fernández, tivo que sufrir as consecuencias da represión. Pois ben, Carmen Fernández era nai de Camilo de Dios Fernández, de Sandiás. Era unha familia republicana e Carmen estivo en diferentes cárceres de Galicia e do resto do estado. Seu fillo, Camilio, foi un dos guerrilleiros que foi detido en 1948 e estivo en prisión durante anos.
Vid: Lobato, Xurxo, Rostros da memoria, Xunta de Galicia, 2007.

02 junio 2009

ROSARIO FERNÁNEZ DELGADO


Hoxe, de forma casual, atopei unha páxina web interesante á que accedín a través do blog, tamén moi interesante, chamado "ourensenotempo.blogspot.com", moi recomendable. Pois ben, alí apareceu un enlace á páxina do pobo Alberguería e atopei este testemuño precioso sobre a mestra que impartiu clases neses lugares, alá polos anos 55. Este tema sensibilízame moito por iso o recollo aquí no meu blog sobre mulleres ourensás e, por suposto, porei o enlace ao final para quen queira acceder á toda a información. A fotografía desta mestra tamén se extrae desta páxina. Un resumo sería:
Rosario Fernández Delgado foi a mestra de Alberguería nos últimos anos deste pobo, era a mestra das nenas polo día e das mozas pola noite. Actualmente vive en Ourense e Alberguería foi o seu primeiro destino en 1954, logo estivo no Barco de Valdeorras e finalmente retirouse en Ourense. Era moi nova, recentemente aprobada a oposición de mestra cando chegou ao pobo, para quedar a vivir alí. Lembra o seu labor como mestra, á parte da formación humanística típica: ler, escribir correctamente, calcular, coñecementos de historia e xeografía, tamén daba clases un pouco de todo, en particular coser, pasar o ferro, almidonar, bos costumes, dispoñibilidade cara aos demais, etc. Lembra que no pobo había luz eléctrica, a que producía a pequena Central da familia Prada, situada no río Xares, a luz tíñana polas noites pero nunha ocasión dérona de día, e na pequena central eléctrica pasaron o ferro e almidonaron usando a electricidade... Tamén facían teatro na escola; aos pais encantáballe asistir.

01 junio 2009

DOLORES BORRAJO


Naceu en 1913 e foi a segunda muller ourensá que sacou o carnet de conducir. Sacou o carnet en 1958 para repartir o pan na praza de Abastos de Ourense dende a súa panadería de Barbadás. Deixou de conducir aos 87 anos.
O concello, neste ano editou unha revista onde fala de mulleres ourensás pioneiras entre as que se atopa esta muller. Vid: «Xénero humano: Cadernos para a igualdade». Tamén a Voz de Galicia a entrevistou.