Etiquetas

28 septiembre 2009

AURORA MACEDA LÓPEZ

Inspectora de Ensino Primario na provincia de Ourense en 1933. En xaneiro de 1934 solicitou unha pensión co fin de cursar estudos pedagóxicos en Xenebra, París e Bruselas, perfeccionar os coñecementos en Psicoloxía Experimental e conseguir un maior rendemento na súa función inspectora. En 1936 recibiu unha pensión da Junta para a Ampliación de Estudos e Investigaciones científicas para realizar estudos nunha viaxe cun grupo de inspectores e inspectoras por Francia, Bélxica, Holanda, Suíza e Italia durante dous meses.
Vid: Marco, A., Dicionario de mulleres galegas, Vigo, A Nosa Terra, 2007, p. 255.
Méndez Lois, Jª José (Coord.) Mulleres na Educación en Galicia, MUPEGA, Xunta de Galicia, 2009, p. 157.

24 septiembre 2009

MARÍA LAGE

En 1778 rexentaba unha escola de nenas no lugar de Rioboó, no centro do Ribeiro (Ribadavia) onde as nenas aprendían lectura, escritura e cálculo. A escola era dependente da Fundación da Escola da Doctrina Cristiana. Vid: Marco, A., Diccionario de mulleres galegas, Vigo, A Nosa Terra, 2007, p. 229 Méndez Lois, Mª J. (coord..) Mulleres na educación en Galicia, MUPEGA, Xunta de Galicia, 2007, p. 137-138.

SOR MARÍA ALMUDENA GONZÁLEZ SÁMANO

En 1926 era directora do colexio La Divina Pastora de Celanova, na rúa Alfonso XIII, nº 11, rexentado pola Comunidade de Relixiosas Terciarias Franciscanas. Vid: F.U. Colexios Privados, S.H. 466, Exp. 7 Méndez Lois, Mª J. (coord..) Mulleres na educación en Galicia, MUPEGA, Xunta de Galicia, 2007, p. 122-123.

NIEVES FARIZA

Mestra de Cambados pero moi afincada en Ourense. Era sobriña do deputado Antón Alonso Ríos, foi docente en Xaceváns (Celanova), onde foi recriminada polo crego por non impartir aulas de relixión, medida que fora aprobada polo Ministerio no goberno republicano.
Ao finalizar a guerra civil, morreu o seu home e Nieves quedou sen dereito á pensión de viuvedade xa que o seu marido, que fora empregado nas obras de ferrocarril no sur de Ourense, non estaba asegurado. Iniciou entón un proceso no que se enfrontou á empresa construtora. Xunto co avogado, Luís Pérez Colemán, promoveu o consultorio social Adelante, na defensa dos dereitos das mulleres que ficaban viúvas polas mortes dos traballadores nas obras da vía. Tras a súa loita, conseguiu a tramitación de pensións de viuvedade para oito mulleres.
Exhortou ás autoridades á exhumación dos cadáveres co obxectivo de practicarlles a autopsia e demostrar así a causa da súa morte como accidente laboral, e conseguiu que a empresa construtora aboase 30 céntimos por quilómetro, desde o domicilio do traballador ata o lugar de traballo. Foi denunicada por exercer de avogada laboralista sen ter o título.
Vid: Marco, A., Diccionario de mulleres galegas, Vigo, A Nosa Terra, 2007, p. 153.
Méndez Lois, Mª J. (coord..) Mulleres na educación en Galicia, MUPEGA, Xunta de Galicia, 2007, p. 100.

OTILIA DÓNIZ ÁLVAREZ

Naceu en Ponte Grande (Celanova) en 1915 e estivo casada con Hermógenes González Blanco, que traballaba como perito avícola. As primeiras leccións recibiunas na escola que había no fondo da eira da súa casa. Non fixo o bacharelato e ingresou directamente na Escola Normal. Opositou ao grado Profesional (4º promoción) e unha vez opositado foi de mestra para Viveiro. Traballou como docente na Escola unitaria mixta de Olás (A Merca) entre 1938 e 1943, Escola de Formiche Bajo (Teruel) entre 1944 e 1946, Escola de Orga (Celanova) entre 1946 e 1950, Escola unitaria de Viveiro entre 1950 e e 1953 e na Escola unitaria de Xunqueira de Espadañedo entre 1953 e 1983. Mostrou interese por arranxar as escolas polas que pasou, sobre todo como chegou a reunir ao pobo para que se renovasen os bancos da escola de Orga, na escola de Xunqueira xunto co seu home, instalaron o comedor escolar. Unha vez xubilada, impartiralle clases a unmozo diminuído físico. Solicitou a dirección do Colexio Curros Enríquez de Ourense pero o Inspector Xefe vetouna, pois tras unha operación de cataratas non recuperou a vista. Aínda así foi aprender Braille á ONCE para poder seguir coa súa paixón, a lectura. Manifestou, sempre, gusto pola Literatura e a Historia. Vid: MUPEGA, Educadores gallegos: historias de vida profesional: Otilia Dóniz Álvarez, Gravación en DVD (Fondo MUPEGA), Santiago, Xunta de Galicia, 2005. MÉNDEZ LOIS, Mª José, (Coord.), Mulleres na educación en Galicia, MUPEGA, Xunta de Galicia, 2009, p. 94-95.

23 septiembre 2009

MARÍA CURROS

Mestra que estableceu en Xunqueira de Ambía unha escola primaria privada en 1910. A escola ocupaba un local de 37 metros cadrados no baixo da vivenca da profesorar e tiña un patio para o tempo de lecer. Vid: Benso Calvo, C. e Cid Galante, R.Mª, A ensinanza privada en Ourense a principios do século XX, Sarmiento, nº 8, 2004, p. 76. Méndez Lois, Mª J., Mulleres na educación en Galicia, MUPEGA, 2009, 83.

08 septiembre 2009

MARÍA BOUZAS PÉREZ

Mestra que naceu en Allariz en 1908 e foi membro do Partido Comunista. En 1939 exiliouse a México cos seus dous fillos. Ata alí chegou o seu marido, o pediatra Antonio Fernández Carnicero, procedente dun campo de refuxio francés. Tras a morte de Franco, María máis a súa familia retornaron a España. Vid: Marco, A., Dicionario de mulleres galegas, Vigo, A Nosa Terra, 2007, p. 62. Méndez lois, Mª José (Coord.), Mulleres na Educación en Galicia, MUPEGA, Xunta de Galicia, 2009, p. 64.

MARÍA LUZ ÁLVAREZ VÁZQUEZ

Naceu en Ourense en 1934 e licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela en 1958. Na Escola Normal de Ourense obtivo o título de Mestra de Primeiro Ensino.
Foi docente no Instituto de Santiago Rosalía de Castro entre 1963 e 1967. Desde 1969 exerceu como profesora da Escola de Maxisterio compostelá. No verán de 1970 asistiu a un curso de perfeccionamento do francés como bolseira, organizado pola Facultade de Letras de Niza. No curso 1972-73 fixo un cursiño de especialización para mestres nacionais en exercicio na Escola de Formación do Profesorado.
Desempeñou o cargo de directora da Escola de Maxisterio de Santiago de Compostela desde maio de 1991 ata decembro dese mesmo ano.
Vid: Marco, A e Porto Ucha, A.S., A Escola Normal de Santiago de Compostela. Da Escola Normal Superior a Escola Universitaria (1849-1996), Santiago: Servicio de Publicacións da Universidade, 244.
Méndez Lois, Mª José (Coord.), Mulleres na Educación en Galicia, MUPEGA, Xunta de Galicia, 2009, 42.

NIEVES ÁLVAREZ GONZÁLEZ

Naceu en Maceda (Ourense) en 1095 e cursou estudos de bacharelato no Instituto Provincial, actual Otero Pedrayo, ingresando no ano 1917 á idade de 12 anos. No Instituo realizaría tres cursos por oficial para logo trasladarse á Escola Normal de Mestras de Ourense. Afiliouse ao Partido Comunista en 1931. Durante a guerra civil traballou en Barcelona nunha gardería. Posteriormente, trasladouse á Unión Soviética e seguiu co labor docente en Pirobors Karga, na fábrica "Lijachova" en Kokand, Crimen e Dnepropetrevsk. En 1985 retornou a España.
Vid: Benso Calvo, Carmen e Cid Galante, Rosa María, "Los expedientes de las estudiantes de bachillerato: una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930)" en Revista Interuniversitaria Historia de la Educación, 26,2007, pp. 437-470.
Marco, A., Dicionario de mulleres galegas, Vigo, A Nosa Terra, 2007, p. 26.
Méndez Lois, Mª José, Mulleres na educación en Galicia, MUPEGA, Xunta de Galicia, 2009, p. 42.