Etiquetas

31 octubre 2010

ELSA FERNÁNDEZ


Introducimos a Elsa Fernández por ter as súas raíces en Ourense. Elsa Fernández nace en Bos Aires en 1933, era filla de emigrados de Entrimo. Dende pequena mostra unha gran vocación musical, estudando piano. Dende moi nova traballa como administrativa no Centro Gallego, onde tratará con figuras da colectividade coma Luis Seoane ou Eduardo Blanco-Amor, co que chegará a ter unha grande amizade. Ademais das súas tarefas estritamente profesionais, colaboraba con AGUEA (Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas, que estivo en activo entre o 1956 e o 1959), e axudaba a Seoane con Galicia Emigrante, realizando subscricións, envíos e demais. Sempre disposta a colaborar coas institucións da colectividade, tamén foi secretaria de progaganda da Comisión de Damas do Hogar Gallego de Ancianos.Elsa tivo un papel sobranceiro dende o primeiro momento na Asociación Argentina de Hijos de Gallegos, creada en Bos Aires o 29 de outubro de 1959, e na que figura como membro fundadora e vogal suplente da primeira xunta directiva. Máis adiante, no 1962, figurará coma presidenta. A asociación trataba de agrupar á segunda xeración de galegos residentes na Arxentina e entre as actividades que organizaron destacan os cursos de galego, un seminario de estudo sobre Sempre en Galiza de Castelao, a edición do libro de Ramón Piñeiro, traducido ao castelán Dos ensayos sobre la saudade, e a publicación da revista Alén Mar. Tamén tivo protagonismo en “Follas Novas- Feira do livro galego”. Esta era unha iniciativa creada por Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda o 15 de xullo de 1957, dedicada á difusión do libro galego en América. Follas Novas mantiña vitrinas en institucións galegas da capital arxentina, imprimía catálogos e divulgaba a súa actividade a través da prensa e a radio. Funcionaba como feira permante sobre a actividade bibliográfica galega, e a partir de 1960 tamén publicou varios títulos. Elsa Fernández participa da iniciativa dende o primeiro momento, e mantén amizade co Neira Vilas e Anisia Miranda. De feito, esta déixalle o seu vestido de boda cando Elsa casa con Alberto Cabrera e tamén regálalle o “Pepón”, un “boneco fazuleiro vestido de galego”. Dende a marcha a Cuba de Neira Vilas e Anisia en xullo de 1961, Elsa Fernández encárgase da dirección de Follas Novas, representando as editoras galegas Galaxia e Bibliófilos Gallegos. Relacionado coa difusión do libro galego, Elsa tamén xestionou un breve espazo radial, emitido por Radio Excelsior, chamado Mirador Bibliográfico Galego, no que lía textos sobre libros galegos.Ademais da actividade a prol da cultura galega, Elsa Fernández dedicouse a escritura cunha obra na que se reflicte constantemente a súa dobre condición de arxentina e galega. Un exemplo desta temática podería ser “¡La tierra de mis padres!”, un texto que lle valeu o segundo posto do Premio “Emilia P. Bazán” do Centro Lucense en 1958: “Galicia no es un paisaje para mí, tampoco es una historia, una geografía, un país. Galicia es mi paisaje, mi historia, mi geografía y mi país; y por ello como argentina soy más argentina entroncando mi raíz gallega en este asunto, confirmando mi ascendencia en esta América y formándome una conciencia nacional más cabal a través de mi pasado.”Colabourou con moitas das publicacións da colectividade de Bos Aires e Rosario de Santa Fe. Na revista Vieiros, publicación do padroado da cultura galega de México, publicou un artigo titulado “A poesía Galega dun poeta american”, no que trata do poeta José González Carbalho, que coma ela, era fillo de emigrantes galegos na Arxentina.Na súa faceta de poetisa a súa obra en galego Escolma foi finalista no concurso organizado polo grupo “Brais Pinto” de Madrid no ano 1961. O seu único libro foi Lonxanía (1965), un libro póstumo no que se recolle o poemario anterior e mais un feixe de poemas inéditos escritos en 1964, en galego, “Cantiga infinida” , e en castelán, “Cancións para meu neno”, poemas para o seu fillo de curta idade Na edición de Lonxanía – seudónimo co que se presentara ao premio Brais Pinto- colaboraron Luis Seoane, que debuxou a cuberta e fixo un gravado en madeira que foi incluído na edición; Laixeiro, autor dun retrato de Elsa, e tamén Ricardo Palmás, Carlos Zubillaga e Basilo Losada que escribiron prólogos de lembranza dos seus traballos en defensa da cultura galega. Elsa faleceu moi nova, o 29 de abril de 1964, con só trinta anos, e sen poder visitar a súa Galiza soñada. Os seus restos foron inhumados no Panteón do Centro Gallego o 30 de Abril sendo despedidos con sentidas frases pronunciadas por José Romero a nome dos seus compañeiros de tarefas do Centro Gallego, e cun discurso de Eduardo Blanco Amor, que pediu persoalmente poder falar na celebración. Antonio Pérez Prado, compañeiro na Asociación Argentina de Hijos de Gallegos escribiu anos despois: “Entre las cosas que nunca podré aceptar figura, ciega, su muerte; entre lo que siempre me lastimará reconozco la pena de que Elsa no haya visto, con aquellos ojos tristes, la Galicia de sus antepasados”.
Foto: idem

28 octubre 2010

ROSA MALINGRE PARMANTIER

De novo contamos coa inestimable aportación de información por parte de Ana Malingre. Neste caso fálanos de Rosa Malingre Parmantier que era irmá do empresario Manuel Malingre Parmantier.Veu a Ourense co seu irmán en 1860. Non casou e dedicábase a dar clases de francés na súa casa situada na rúa Santo Domingo. Así pois, estamos ante unha muller con preparación intelectual. Esta enterrada no cemiterio de San Francisco.

23 octubre 2010

ABADESA GUNTRODA

Guntroda era a abadesa do mosteiro dúplice de San Martiño de Pazó (Allariz) no século X. Esta muller foi protagonista de certas fazañas. Guntroda era filla de Ildoncia, irmá de Gutier Menéndez, polo tanto era de orixe aristocrático. Esta muller tiña intención de apoderarse tanto de Santa María de Ribeira como de Santa Comba de Bande. No que se refire a Santa Comba de Bande, Guntroda posuía unha escritura de propiedade que esta defendía con gran celo. Pero a posesión de Santa Comba estaba en mans de Vermudo que lla deixa en herdanza ao seu fillo Odoíno. Pero este, temendo os conflitos que podía xerar o feito de non pousír el a escritura, recorre a Ramiro II coa intención de recuperala. Ramiro recorre á súa vez ao bispo San Rosendo que conseguirá que Guntroda lle entregue a escritura. Pero Guntroda presenta unha demanda de devolución nun magno concilio celebrado en León. Aquí, o bispo compostelán Hermexildo declara que o verdadeiro dono de Santa Comba de Bande é Odoíno. Guntroda ve unha nova oportunidade de posuír Santa Comba cando Odoíno é acusado de manter relacións cunha monxa. Pídella ao conde Rodrigo e faise cos dereitos sobre ela. Pero cando Odoíno doa Santa Comba ao mosteiro de Celanova, Guntroda xa non terá máis pretensións pois non quería enfrontarse aos monxes do mosteiro. Vid: Pallares Méndez, MªC e Portela Silva, E., Gran Historia de Galicia. Da Galicia antiga á Galicia medieval (séculos VIII-XI), pp. 206-208.

22 octubre 2010

CARMEN MALINGRE LUDEÑA

É para min unha satisfación contar coa colaboración de Ana Malingre. Ana proporcionoume información sobre Inés Ludeña e agora faino, de novo, informándome de Carmen Malingre Ludeña. Estoulle moi agradecida.
Pois ben, Carmen Malingre Ludeña rexentaba a comezos de século un Almacén de carbóns. Ten o seu mérito, pois era algo inusual que unha muller levara adiante un negocio deste tipo. Carmen Malingre era filla de Inés Ludeña e Manuel Malingre Parmantier. Era a nai de Julio Freijanes Malingre, o primeiro médico que aplicou a Penicilina en Ourense, e sogra de Paz Parada Pumar, quen está presente neste blog por ser unha das primeiras tituladas en medicina na nosa provincia.
(Foto: proporcionada por Ana Malingre)

17 octubre 2010

ADELA BOO GALLEGO

Naceu en Piñor (Barbadás) en 1904. Era filla de propietarios. No ano 1926 matricúlase nos estudos de Farmacia facendo cursos por libre e outros por oficial. No ano 1934 acada a titulación. Vid: AHUS, Expedientes personales Cid Galante, Rosa María, “As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940)”, e Minius, nº 11 e nº 12.

MARÍA DE LA PAZ DELGADO MEIRIÑO

Naceu en Pazos no ano 1911. Era filla un propietario. No ano 1926 matricúlase na Facultade de Farmacia en Santiago realizando algúns cursos por oficial e outros por libre. No ano 1931 acada o título de Licenciada. Vid: AHUS, Expedientes personales Cid Galante, Rosa María, “As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940)”, e Minius, nº 11 e nº 12.

CONSUELO CASTELAO BERNÁRDEZ

Naceu en na cidade de Ourense en 1904 e era filla dun artesán. No ano 1926 comeza os estudos na Facultade de Ciencias en Santiago de Compostela e alí permanece catro anos para solicitar un Certificado de Estudos para Madrid. Vid: AHUS, Expedientes personales Cid Galante, Rosa María, “As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940)”, e Minius, nº 11 e nº 12.

MARTINA GALLEGO IGLESIAS

Naceu en Ourense no ano 1902 e no ano 1925 aparece rexistrada por libre na Facultade de Medicina realizando os cursos de matrona. Finaliza os estudos en 1927 titulándose nesta especializade. Vid: AHUS, Expedientes personales Cid Galante, Rosa María, “As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria (1900-1940)”, e Minius, nº 11 e nº 12.

TAREIXA LOURENZA

Outra interesante mostra de concienciación feminina. No ano 1457 preséntase esta muller e o seu home perante o Reitor da igrexa de Santo Tomé de Maside coa intención de expresar o desexo mutuo de anulación matrimonial. Argumentan que o seu matrimonio foi realizado sendo menores de idade. Así o relatan: "...que podía aver oyto annos pouco mays ou menos que elles anbos ouveran palabras de casamento non sendo elles de ydade conprida e que foran feitas contra vontade da dita Tareyja Lourença e contra o seu defendemento non querendo ella consentyr en ello salvo por premea e engano de outras persoas e que foran anbos juntados en pousada e deytados en cama e nunca poderan aver juntamento de copulla carnall nen aver consebudo para fezeren jeneraçon querendo llella deus dar por llas quaes razoes avian moyta descordia e mall e se temya de ao adeante se seguir mais dano e ynpedimento asi das almas como dos corpos e d avenças e outros viyren a ocasion de mortes e de peligros por causa delles" O vicario, vistos os argumentos, concédelles a liberdade. Vid: Pallares Méndez, Mª C. e Portela Silva, E., "De Xelmírez aos irmandiños. A Galicia feudal (séculos XII-XV)", Gran Historia de Galicia, Tomo V, Volume 2, pp. 136-137.

ELVIRA RODRÍGUEZ

Outra referencia interesante é esta entrada que se ofrece. Elvira Rodríguez, muller do século XV, atrévese a enfrontarse ao seu marido maltratador. Resaltámolo porque estamos nunha época na que este tipo de sucesos resultaban incribles debido á condición que se tiña da muller de submisión ao marido. O caso foi que o tres de abril de 1465, na cidade de Ourense e diante do notario de entón, García Fernández e as testemuñas pertinentes, Xoan Afonso de Tenorio, comerciante e veciño da devandita cidade vese obrigado a facer unha confesión pública dos malos tratos que proporciona á súa dona chegando a apuñalala. Elvira reacciona de forma concienciada e abandona o seu fogar para refuxiarse na casa do xuíz da cidade. Ela pretende unha solución xusta e de acordo co dereito. O marido arrepíntese do mal que fixo e declara o propósito de tratar ben á súa muller e roga á súa muller que regrese a casa. O marido tamén se compromete a aportar unha multa se non cumpre o prometido. Para iso empeña os seus bens, mobles e raíces co obxecto de pagar a multa de 20.000 marabedís. A metade da multa tería que entregárselle ao bispo electo de Ourense, señor da cidade, e a outra metade ao xuíz e rexedor pedro López. Vid: Pallares Méndez, Mª C., e Portela Silva, E., "De Xelmírez aos irmandiños. A Galicia feudal (séculos XII -XV)" A gran Historia de Galicia", Tomo V, volume 2, pp. 132-134.

TERESA GÓMEZ

Teresa Gómez era filla de Gómez de Tyollo. O 29 de abril de 1458 esta muller presentou unha querela na Praza do Campo e perante a audiencia de xustiza acusando a Xoan, criado de Xoan de Novoa, porque a agredira con intento de violación. O que ocorreu foi que na véspera, ao mediodía, estando no Seixo, o mencionado Juan "aderençara a ella et que a tomara por los cabellos e a levara arrastro por dormyr con ela". O criado non conseguiu o seu propósito pois por alí pasaron o cóengo Roi García e o seu propio criado Gonzalo García, os que evitaron a consumación da violación tal como contou aos rexedores Tareixa Gómez. O século XV foi unha etapa de incerteza e inestabilidade e as mulleres resultaron ser vítimas de A denuncia de Teresa Gómez pon de manifesto a toma de conciencia por parte da muller e o desexo de que este tipo de agresións sexan totalmente rexeitados pola sociedade. Vid: Ferro Couselo, Xesús, A vida e a fala dos devanceiros. Pallares Méndez, Mª Carmen e Portela Silva, Ermelindo, "De Xelmírez aos irmandiños. A Galicia feudal (séculos XII-XV)" en A gran Historia de Galicia, Tomo V, volume 2, pp. 128-131.

12 octubre 2010

SARA CÓLEMAN


Naceu en Allariz en 1980  filla do mítico xogador de fútbol Marcelino. Xove deseñadora ourensá que foi alumna de Verino. Ten presentado os seus modelos nas edicións EL EGO de Cibeles. Tamén se dedica á docencia no eido téxtil.

AUREA RIVELA


Naceu no ano 1975 en Ourense. Dedícase ao deseño da alta bisutería con estilo art nouveau. Emprega nos seus deseños materiais de diverso tipo: latón, madeira, cuarzo, ágatas, etc. Tivo gran éxito na Pasarela EL EGO de Cibeles. Na actualidade as súas tendas repártense por diferentes países.

08 octubre 2010

LORENA LUACES


Atleta nacida en Ourense. Comezou moi nova practicando cros, carreiras, salto de vallas...Agora é unha das máis destacadas marchadoras. Participou en importantes competicións tanto en Galicia, España como no estranxeiro, obtendo records.

MARTA MÍGUEZ


Marta Míguez, atleta ourensá explusmarquista nacional, varias veces campeona de España Absoluta, segunda mellor marca nacional de todos os tempos (59,43) e olímpica nos Xogos de Sidney 2000. Agora volveu como integrante do Ourense Academia Postal.
Fonte: http://www.ourenseatletismo.com/blog/2009/07/marta-miguez-de-nuevo-en-competicion/

02 octubre 2010

TERESA TÁBOAS

Hai un blog interesante denominado mulleres de Vigo. De aí extraín esta información sobre Teresa Táboas. O motivo non é outro que o de considerar a Teresa Táboas tamén ourensá, e supoño que ela tamén o verá así, xa que os seus pais eran de O Carballiño e Beariz. Por tal motivo, e como o as persoas podemos ter vínculos moi próximos con moitos lugares pois a nosa vida así nos fai pertencer a diferentes sitios e cidades, pensei que a ela lle gustaría verse reflectida nun blog de mulleres ourensás. Teresa Táboas, filla de emigrantes ourensáns, naceu na Cidade de México no ano 1961. Desde o 15 de Maio de 2003, a conselleira de Vivenda e filla de emigrantes ourensáns do Carballiño e Beariz, é decana presidenta do Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza, sendo a primeira muller en acceder a ese cargo.Doutora Arquitecta coa Tese Doutoural dirixida polo arquitecto César Portela Fernández Jardón, titulada “ El Color en Arquitectura “ na que obtivo a cualificación de Sobresaínte ”Cum Laude”Colaborou durante 6 anos no Estudio do Arquitecto Cesar Portela Fernàndez-Jardòn ( Premio Nacional de Arquitectura).Traballou dous anos no Concello de Marín como arquitecto municipal.Funda no ano 1990 o Teresa Táboas Estudio de Arquitectura, desde o que vén desenvolvendo numerosos proxectos de Edificación e Urbanismo.É conselleira titular do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos do Estado español, sendo a segunda muller que accede a este cargo desde que no ano 1931 se funda tan prestixiosa institución.É membro da Comisión de Vivenda do Consello Superior de Arquitectos do Estado español.Foi nomeada polo Consello Superior de Arquitectos do Estado español no ano 2.003, ante o Consello de Arquitectos de Europa con sede en Bruselas, membro das seguintes comisions: Taskforce for Urban Issues e Taskforce for Enviorment and Sustenaible Architecture. Vid: http://mujeresdevigo.blogspot.com/2009/01/teresa-tboas.html

RAQUEL DANS LOSADA

Natural de Vilamartín de Valdeorras. Nos anos trinta era cortexada polo piloto Apolina Sainz de Buruaga y Polanco, quen dende o aeródromo de León viña voando na súa avioneta e tiraba un ramo de flores na finca da súa noiva con carta incluída. Casaron en 1933 e en 1935 tiveron un fillo tamén dunha vida exitosa. Vid; www.mispueblos.es/galicia/orense/vilamartin/noticias.

CARMEN PADILLA GARCÍA

Naceu en Ourense capital no ano 1904. Era filla do Catedrático e eminente filólogo Don Salvador. Realiza o bacharelato no Instituto Provincial dende 1918 sendo premiada en todos os cursos e titúlase. Logo trasládase á Escola Normal de Mestras de Ourense. En 1926 figura en Santiago na facultade de Ciencias pero so realiza un curso. Vid: AIOP, Expedientes académicos; AHUS, Expedientes personales. Cid Galante, Rosa María, "As primeiras ourensás..." Op. Cit.
Fotografía: Vida Gallega, nº 17, 1916.

ANTONIA AVILÉS DE VEGA

Naceu en 1910 en Berrande. Estuda no Instituto Provincial de Ourense dende 1918 a 1923. Posteriormente trasládase a Santiago de Compostela para matricularse na Facultade de Ciencias en 1924. Aquí realiza un único curso pois pide traslado á Universidade de Murcial. Vid: AIOP, Expedientes académicos; AHUS, Expedientes personales. Cid Galante, Rosa María, "As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria", Op.cit.