Etiquetas

21 noviembre 2010

ELADIA RAMONA PEDRAYO ANSOAR

Eladia Ramona Pedrayo Ansoar, naceu o 18 de febreiro de 1859 en Ourense. Nesta mesma cidade morrerá un 4 de febreiro de 1957 con case 98 anos. 

Eladia tiña dúas irmás. Lucila, a máis nova, naceu en 1862 e morreu o 5 de febreiro de 1946. Casara con Casiano Martínez Blanco e tiveran seis fillos. 

A outra irmá de Eladia chamábase María de las Nieves Gabriela Vicenta. Naceu o 5 de agosto de 1857 e morreu o 13 de decembro de 1945. Casou con Ángel Franches Pérez e non tiveron descendencia. Franches será quen se encargue de todas as cuestións familiares e convértese nun referente masculino durante a primeira mocidade de Otero, pois coa perda en 1904 do pai é o único home nunha familia de mulleres, xa que Casiano morrera en 1903 e o seu tío Ricardo está lonxe. 

Pedrayo non chegou a coñecer a súa avoa materna. Chamábase Antonia Ansoar e morrera en 1864 con 38 anos, a súa filla Eladia convértese en orfa cando apenas tiña seis anos. O pai de Eladia, Ramón Pedrayo Silva, farase cargo da familia até a súa morte o 3 de maio de 1899 cando contaba 77 anos. Era o padriño de bautismo de Ramón Otero Pedrayo a quen este debe o seu primeiro e máis coñecido nome. Este avó exercía como avogado no número 17 da praza Maior de Ourense. En 1844, comeza a súa dedicación á avogacía. Logo, en 1867 era o decano da Xunta de Goberno do Ilustre Colexio de Avogados de Ourense. 

A figura do avó Ramón Pedrayo inflúe decisivamente na vida académica do noso autor. En 1905, sendo xa alumno da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade Central de Madrid, matricúlase en Dereito porque así llo pedira súa nai que procedía dunha familia de escribáns, notarios e avogados.

En 1916  Otero preparou as oposicións para catedrático de instituto pero non tivo éxito e nese intre pensa en seguir os consellos maternos  e prepararse para notario. Máis, finalmente, tres anos despois supera as duras probas e logra converterse en profesor de instituto. 

Despois da morte de Enrique Otero, a nai de Otero Pedrayo contará durante un ano e medio, xustamente até o 5 de setembro de 1906, coa axuda e compañía da súa sogra, Vicenta Sotelo Puga. 

Vicenta era unha muller forte e afeita á vida na aldea. Naceu en 1816 no lugar de Vilar do Monte, parroquia de Santa Baia de Aguada, no concello de Carballedo, na provincia de Lugo, e pasou case toda a vida na casa de Trasalba. Entre elas estableceuse unha sólida relación. 

Tras a morte de Vicenta, Eladia instálase definitivamente na aldea e asume o goberno da casa. Estas dúas mulleres, fundamentais na adolescencia de Otero Pedrayo, representan o traballo duro e a decisión e son con toda seguridade o referente inmediato á hora de trazar a figura de dona Ramona, a protagonista de Os camiños da vida. 

A temperá viuvez da nai e o feito de ser Otero Pedrayo fillo único, semellan constituír os dous piares principais nos que se cimenta unha relación de mutua dependencia. Otero xa casado (casara con Josefina Bustamante en 1923) e vivindo en Ourense acude frecuentemente a visitar á súa nai a Trasalba. A preocupación pola súa nai aumenta a medida que ambos envellecen. Nos últimos sete anos de vida de dona Eladia, Otero viaxaba case todas as fins de semana de Santiago de Compostela a Trasalba. Pero se a súa nai era un punto de apoio para Otero, terá outro fundamental na súa muller, Josefa Bustamante Muñoz.

Eladia era unha muller tenaz e resistente que empeñada en darlle estudos ao seu único fillo non lle importou pasar privacións. A nai de Otero farase cargo ata o seu falecemento de todos os asuntos da casa de Trasalba. Ramón Otero Pedrayo nunca ocultou a admiración que sentía polo traballo da súa nai e estaba orgulloso dela, cualificándoa en moitas ocasións de gran traballadora. 

Faleceu o 4 de febreiro de 1957