Etiquetas

28 marzo 2011

MARGARITA FÁBREGA COELLO

Nace en Ourense no ano 1876. Foi unha das primeiras mulleres, xunto con Elisa Carnicero del Río, Rafaela Acacia, Remedios Nespereira...que se matriculou no Instituto Provincial. Efectivamente, cando tiña 23 aparece inscrita no Instituto de Ourense. É, polo tanto, outra pioneira máis xa que se adentra nos estudos secundarios. Vid: Bande, E., Institucións docentes e grandes mestres de Ourense, Galaxia, Vigo, 2010, p. 336.

26 marzo 2011

MARÍA DE LOS ÁNGELES LEIRÓS FERNÁNDEZ

Naceu en Redondela no ano 1912. O seu pai era empregado e instalouse en Ourense. Era irmá de Eladio Leirós Fernandez, profesor e Catedrático de Filosofía do Instituto de Ensino Medio de Ponferrada. No Instituto Provincial estudará a súa filla, centro ao que ingresa no ano 1926 cando tiña 13 anos. Estuda os seis cursos, cinco por libre e un por oficial e obtén unha cualificación de notable e acada o título. Logo trasládase á Escola Normal de Ourense. No ano 1931 consta no Libro de Posesións e Cesamentos do Instituto Provincial como axudante interina gratuíta de Letras. Acadou o título de Doutora de Historia. Consta que impartíu clases de Historia e Lingua Española como axudante interina de Letras e encargada de curso no Instituto provincial durante os cursos 1937-38, 1946-47 e dende o curso do ano 1951 ata 1958. Vid: Cid Galante, R., Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese inédita. Cid Galante, R. e Benso Calvo, C., "Los expedientes de las estudiantes de Bachillerato: una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los Institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930)" en Revista Historia de la Educación, 2007, nº 26. Bande Rodríguez, E., Institucións docentes e grandes mestres en Ourense. 1846-2005, Galaxia, Vigo, p. 347.

22 marzo 2011

MARÍA EXCLAVITUD ABAD AMEIJEIRAS

Naceu en Vilagarcía de Arousa no ano 1914, pero a súa familia que era comerciante, estivo afincada en Ourense, de aí que tanto María Exclavitud como Rosa, a súa irmá, estudasen no Instituto Provincial de Ourense. Estivo matriculada no Instituto durante dous cursos e logo solicitou traslado ao Instituto de Pontevedra onda acadou a titulación. No ano 1931 aparece rexistrada por oficial na facultade de Dereito de Santiago, sendo unha das poucas que escolle estes estudos, xa que o habitual era facer Filosofía ou Farmacia. Permanece seis cursos pero non os fai de forma consecutiva xa que fixo primeiro cinco cursos entre o ano 1931 ao 36 e o último ano faino entre 1938-39. Licénciase no ano 1939.

20 marzo 2011

PAULA CARBALLIDO


Naceu en Murcia no 1979 pero está afincada en Ourense. Brillante nadadora que acadou records importantes. Medalla de ouro, 4x100 m. libres, Copa Latina de Guadalupe. 5º Posto, 4x200 m. libres, Campeonato de Europa de Estambul. 2000: 5º Puesto, 4x200 m. libres, Campeonato de Europa de Helsinki. Foi distinguida pola Federación coa medalla de Ouro por superar os cincuenta internacionalidades.

RAFAELA ROSA ACACIA RODRÍGUEZ

Naceu en San Eusebio de A Peroxa en 1868, era filla de nai solteira. Matricúlase no Instituto Provincial no ano 1892, cando tiña 24 anos e posteriormente trasládase ao Instituto de Pontevedra. Vid: Bande, E., Institucións docentes e grandes mestres en Ourense (1846-2005), Editorial Galaxia, Vigo, 2010, p. 336-338.

19 marzo 2011

MARÍA CONCEPCIÓN AÑEL REQUEJO

Naceu en Laza no ano 1874 e os seus pais eran labradores. Ingresa no Instituto Provincial de Ourense no ano 1911, cando tiña 37 anos, para cursar estudos de Maxisterio. Realiza tres cursos, un por libre e dous por oficial. Saca a cualificación de aprobado e solicita certificado de traslado á Escola Normal de Pontevedra. Vid: Cid Galante, Rosa M., Muller e educación en Ourense, 1900-1930, Tese inédita.

18 marzo 2011

CARMEN FREIJANES MALINGRE

Naceu en Ourense no ano 1909. Matriculouse no Instituto Provincial no ano 1922 cando tiña 13 anos. Realizou cinco cursos, un deles por libre e catro por oficial e obtivo o título de bacharelato. Solicitou certificado para a Escola Normal de Mestras de Ourense. Vid: Cid Galante, R., Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese inédita.

17 marzo 2011

CÁNDIDA POMBAR E SOTO

Trátase da primeira muller que recibiu o Título Elemental de mestra en Ourense no ano 1882. Estudar na Escola Normal de Mestras de Ourense era unha saída satisfactoria para aquelas mulleres con afán de dedicarse a un traballo con carácter profesional. Este título habilitábaas para impartir docencia nas denominadas Escolas Elementais que eran máis básicas que as Escolas Superiores onde o mestre ou mestra debía ter o título Superior. Vid: Bande Rodríguez, Enrique, Institucións docentes e grandes mestres en Ourense (1846-2005), Vigo, Galaxia, 2010, p. 346.

15 marzo 2011

CELIA BOUZAS DE PEÑA

Celia Bouzas era a presidenta do Grupo Feminino de Ourense do Partido Galeguista. Xunto con Mercedes Docampo publican o "Chamamento as mulleres galegas" e di o seguinte:
"Ás nosas irmáns galegas dirixímoslle un saúdo e ao mesmo tempo da nosa decisión ao organizare en Ourense un Grupo Femenino Galeguista e algunhas teñen loubado a nosa boa idea. ¿Por qué non vos xuntades, como nós o temos feito, se levades dentro ise aceio que sentimos as donas galegas de poder vivir n-unha Terra ceibe, que hoxe está enilxada pol-a ambición de xentes que non sinten coma nós, nin falan coma nós, nin n-ela disfroitan como nós, porque a descoñecen e nos caloñan e persiguen sen nos escoitare? ¿Cecais teñen medo de que as convenzamos? Pode ser. Certamente, son un impedimento pr´as nosas arelas que son ben fidalgas e desintresadas. Por iso, ousamos dar iste paso coa seguranza de que non vos demoraredes en seguir o noso eixempro, formando un Grupo Femenino, e, podendo, con meridando número de afiliadas que eiquí. Somos arredor de medio cento na cibdade e sabemos que se están organizando outros Grupos nos pobos da comarca. ¡Adiante, mulleres patriotas da nosa Terra. Todo, por Galiza, sen importarvos que comentarán os vosos aitos e que poidan censurarvos. Como se trata de traballar pol-a nosa Patria, podedes levar a frente ergueita e por elo sentiredevos orgulosas ao igoal das vosas irmáns de Ourense. Adiante, ¡TERRA A NOSA!
O impacto desta agrupación foi decisivo para que noutras partes de Galicia, outras mulleres se animasen a agruparse. Por exemplo temos esta carta enviada por Dona Elvira Bao de Varela, celebrando que as mulleres galeguistas, por impulso das de Ourense, se organizasen. Di a carta:
«Doña Celia Bouzas de Peña. Ao seu debido tempo, escoitei o voso chamamento para formar na ringleira das mulleres galegas, que temos a obriga de facer unha Galiza grande, rica e plena de libertade. Chamáchedes ao meu corazón de filla e de nai; pol-a lembranza sagra dos meus antergos e pol-o porvir dos meus fillos; pol-a nosa prosperidade colectiva, pol-a limpeza política, pol-a nosa fala e pol-a paz social. Ao voso chamamento púxenme en pé decindo. ¡presente!. Alédame escoitar a vosa voz en que fun educada na Irmandade da fala na Cruña fai uns 14 anos; vexo que a nosa semente non votada en valde. Pol-a grave doenza que padece a miña nai non tiven vagar para ofrendarvos antes de hoxe todo o meu entusiasmo galeguista; mais estiven de cote con vosco en espíritu. Contade, pois, conmigo en todo o que poida ser preciso, o agardando as vosas indicacións a seguir. Saúdavos con todo agarimo vosa irmán na causa. Elvira Bao Maceiras de Varela»
Vid: A Nosa Terra nº 349, 22-09-1934 A Nosa Terra, no 313, 9-10-1933

14 marzo 2011

MERCEDES DOCAMPO

Intervén na III Asamblea do Partido Galeguista celebrada en 1934 en Ourense pedindo o voto responsable para as mulleres do partido polos beneficios que este exercicio reportaría aos/ás fillos/as e ao marido: "Nai galega. Prepárase unha gran loita e ti tés (sic) unha arma moi poderosa para evitar que o sangue dos teus fillos vértase en loita sanguiñenta sobor da nosa Terra, sobor da nosa Nai tan querida e tan aldraxada. Esa arma é o teu voto. Ten conciencia dos teus deberes de nai e de muller galega e cando vaias as furnas vota por aqueles homes que poidan limpar a nosa Terra de extranxeiros e rachas as pesadas cadeas da nosa escravitude. ¡Ánimo, mozos galegos! Como o vello conto, dádelle forte ao centralismo ata que fenda".
DÍA DE GALICIA
"Vintecinco de Xulio. Día de Sant-iago, día de recordos grandes para a nosa Terra. Hoxe toda Galicia ferve de xúbilo ante a fermosa Festa de Santo Patrón, en todo-los preitos resoa a ledicia das meigas e doces cantigas dos nosos pais, a natureza vístese coas millores galas para festexar o Día Grande, nos beizos dos bós galegos bailan, o sentir a dozura da nosa gaita, as surrisas máis feiticeiras. N-este día todos nós debemos botar unha ollada as nosas conciencias e ver si como galegos cumprimos coa obriga que temos pra unha nai tan garimosa doce, como é Galicia. Eu coido que temos moito que chorar ao ver como deixamos que os nemigos d-ela, entre eles moitos fillos, a aldraxen, a pisoteen e vaian apretando cada vez máis ao redor da súa gorxa as cadeas con que a queren afogar. Si todol-os galegos quixeran decatarse da situación angustiosa en que se atopa Galicia, hoxe, no Día Grande como un soio home xurarían loitar por ela con todal-as forzas deica rachar esas cadeas, e que d-esa loita xurda unha Galicia libre de aldraxes e da cal serán respectados todol-os seus dereitos. Deus queira que chegue pronto o Día Grande, outro Vintecinco de Xulio en que todos en pé poidamos cantar co poeta: A NOSA TERRA É NOSA"
¡VIVA GALICIA CEIBE! Xullo de 1935. Ten outro escrito interesante sobre a nova revista GUIEIRO.
ARENGA "Teño ante os meus ollos o novo xornal das Mocedades Nacionalistas "Guieiro". O meu corazón relouca de ledicia e o meu peito énchese de gozo ao ler estas páxinas cheas de fogo e coraxe; ao ver a nova xeneración galega disposta a loitar deica verter o seu sangue, ese sangue que ferve n-uns corpos fortes e variles, pol-a redención da Terra de Breogán. Máis ante esa nova xeneración, que non se contenta coa protesta pasiva dos nosos pais, eu pregúntome, ¿cal é a aititude d-eses pais que trouxeron ao mundo esa nova xeneración diante da rebeldía d-ela?¿Non sairán á rúa para loitar cos seus fillos, para morrer con eles ou para sair d-esa loita libres de escravitude a que estamos sometidos? Nai galega: Prepárase unha gran loita e tí tés unha arma moi poderosa para evitar que o sangue dos teus fillos vértase en loita sanguiñenta sobor da nosa Terra, sobor da nosa Nai tan querida e tan aldraxada. Esa arma é o teu voto. Tén conciencia dos teus deberes de nai e de muller galega e cando vaias as furnas vota por aqueles homes que poidan limpar a nosa Terra de extranxeiros e rachar as pesadas cadeas da nosa escravitude. ¡Ánimo mozos galegos! Como o vello do conto, dádelle forte ao centralismo hasta que fenda".
Ourense, Novembro de 1935. Vid: A Nosa Terra, 25-7-1933. A Nosa Terra, nº 375, 25-7.1935 A Nosa Terra, nº 291, 22-11-1935

13 marzo 2011

MARINA GONZÁLEZ HERMIDA

Naceu o 25 de febreiro de 1904 en Bande. En 1927, cando tiña 24 anos, matricúlase na Facultade de Medicina en Santiago para estudar a especializade de matrona. Como sabemos, os cursos de matrona comprendían dous cursos e ela realízaos con brillantes cualificacións. En 1929 tiña o título de matrona coa cualificación de sobresaliente. Vid: Cid Galante, R. "As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria", Minius.

DOLORES ALONSO PEREIRA

Naceu en Ourense o 25 de xuño de 1910. O seu pai era empregado. Cando tiña dez anos solicita o seu ingreso no Instituto Provincial onde cursa, por oficial, os seis anos. O seu expediente ten unha media de notable. Acadou o título de bacharelato en 1916 e solicita certificado para Escola Normal de Ourense e tamén para a Universidade de Valencia. Matricúlase por libre na Facultade de Filosofía de Santiago de Compostela no ano 1926 onde realizará catro cursos e, en 1931 solicita un certificado para Madrid. Vid:Cid Galante, R., Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese inédita. Cid Galante, R. e Benso Calvo, C., “Los expedientes de las estudiantes de bachillerato: una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930)” Historia de la Educación, 26, 2007, pp. 437-470. Cid Galante, R. "As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria", Revista Minius.

12 marzo 2011

ELISA LAMAS AVIÑOÁ

Co título Superior de Mestra, Elisa solicita, en 1902, a apertura dunha escola de primeira ensinanza na Rúa Liberdade nº 23 da capital de Ourense. Nun momento, a comezos de século, no que a infraestrutura educativa pública era precaria, as escolas privadas viñan a cumprimentar esa deficiencia. Os pasos para abrir unha escola non eran doados, había que solicitar permisos diversos ao Director do Instituto Provincial quen requeriría as inspeccións oportunas sobre o local (dende o punto de vista sanitario), materias a impartir, libros, moralidade do profesorado (certificado de boa conduta) etc... Vid: Cid Galante, R. Benso Calvo, C. "A ensinanza privada en Ourense a principios do século XX" Revista Sarmiento, nº 8, 2004, pp. 43-77.

11 marzo 2011

ROSARIO BORRAS BEURLIU

Era licenciada en Ciencas Exactas, título que acadou en Madrid no ano 1880. Foi profesora no colexio de Ribadavia e tomou posesión de profesora no Instituto Provincial no ano 1902. Vid: Bande, E., Institucións docentes e grandes mestres en Ourense (1846-2005)", Galaxia, Vigo, 2010, p. 347.

09 marzo 2011

VICTORIA MARTÍNEZ VILLERGAS

Creada a Escola Normal de Mestras en Ourense despois de moitos e longos procesos en 1879 e que estaría no Ex-convento de Santo Domingo, Dona Victoria Martínez será nomeada Directora da mesma en 1892 ata que esta institución foi suprimeida en 1898. O nomeamento foi decidido no Pleno Corporativo da Deputación Provincial en 1892. Vid: Cid Galante, R. "Orixes da Escola Normal de Mestras de Ourense" , Revista Minius, nº 15, 2007, pp. 33-47.

NICANORA DÍAZ CARREDANO

Despois dun longo proceso de selección para ser Directora da recén creada Escola Normal de Ourense en 1879, cargo ao que concurrían María Ramona Pérez Acedo, natural de Oñate, Francisca Ramona Cancio Pallín, e Nicanora Díaz Carredano, será esta última a que exerza de Directora do Centro ata 1892. Vid: Cid Galante, R. "Orixes da Escola Normal de Mestras de Ourense", Revista Minius, nº 15, 2007, pp. 33-47.

08 marzo 2011

MARÍA REMEDIOS NESPEREIRA QUEVEDO

Naceu en Ourense en 1875 e era filla de Antonio Nespereira Lorenzo, natural de Pereiro de Aguiar (Vilariño) e de María Josefa Quevedo, dun pobo de A Peroxa. María Remedios residía na rúa do Instituto nº 46. No ano 1894, cando tiña 18 anos, solicita matricularse por libre no Instituto e fai o exame de ingreso. Vid: Bande, E., Institucións docentes e grandes mestres en Ourense (1846-2005), Galaxia, Vigo, 2010, p. 338.

07 marzo 2011

CARMEN CID RUMBAO

Naceu en Allariz polo ano 1910. Carmen era filla dun comerciante e ingresa no Instituto Provincial no curso 1922, cando tiña 12 anos. Os estudos realízaos por libre e acada o título de bacharelato para trasladarse á Escola Normal de Mestras. O dous de outubro de 1946 tomou posesión do cargo de directora da Escola Fogar do Instituto de Ensino Medio. Vid: Cid Galante, R., Muller e educación en Ourense (1900-1930), Tese inédita. Cid Galante, R. e Benso Calvo, C., “Los expedientes de las estudiantes de bachillerato: una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930)” Historia de la Educación, 26, 2007, pp. 437-470. Bande, E, Institucións docentes e grandes mestres en Ourense (1846-2005), Galaxia, Vigo, 2010, p. 229.

ELVIRA RODRÍGUEZ DOMÍNGUEZ

É a primeira muller que estuda no Instituto Provincial. Ingresa no centro en 1884. Para facelo tivo que ser autorizada polo director Xeral quen tamén tivo que autorizar para que se lle confirmase o grao de bacherel. No curso 1886-87 expídeselle ocertificado especial pola secretaría. Vid: Bande, E., Institucións docentes e grandes mestres en Ourense (1846-2005), Galaxia, Vigo, 2010, p. 97.

05 marzo 2011

MARÍA FERRÍN NOVOA

Naceu en 1906 en Casardomato. Ingresou en 1918, aos 12 anos, no Instituto Provincial de Ourense. O seu pai era funcionario. Realiza os seis cursos de bacharelato, cinco cursos por libre e un por oficial. Obtén o título de bacharelato en 1924 e logo trasládase á Escola Normal de Mestras. Vid: Cid Galante, Rosa, Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese inédita. Cid Galante, Rosa e Benso Calvo, Carmen, Los expedientes de las estudiantes de bachillerato: una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930)Historia de la educación: Revista interuniversitaria, ISSN 0212-0267, Nº 26, 2007, págs. 437-470.

SIRA VILLOT CANAL

Naceu no pobo de Moreiras en 1905 . Foi outra alumna pioneira no noso Instituto Provincial onde ingresa no ano 1922, cando tiña 19 anos, e permanece ata 1925 acadando o título de Bachiller.

ESTHER PUGA NOGUEROL

Naceu en Ourense en 1905 e era filla dun comerciante ourensán. No ano 1917, cando tiña 12 anos, ingresa no Instituto Provincial de Ourense onde realiza cinco cursos, dous por libre e tres por oficial e acada o Título de Bachiller no ano 1922. Posteriormente se traslada a Santiago onde se matricula na carreira de Ciencias cando tiña 19 anos. Rematará a carreira e licénciase cunha cualificación media de notable en 1933. Vid: Cid Galante, Rosa María, "As primeiras ourensás..." Op.cit.

04 marzo 2011

ENCINA RAMOS FIDALGO


Naceu en Viladequinta (Carballeda de Valdeorras) e xornalista e presentadora da TVG. Forma parte do elenco de mulleres valdeorresas que conseguiron ser un rostro famoso polas súas cualidades e capacidades profesionais. Unha información facilitada por Gustavo Docampo.

ANTONIA FERNÁNDEZ GARCÍA

Naceu en A Mezquita o tres de marzo de 1906. Era filla de pai con profesión liberal. Estivo matriculada no Instituto Provincial de Ourense no ano 1921, cando tiña 15 anos, onde realizou dous cursos por oficial para, posteriormente, solicitar traslado ao Instituto de Pontevedra. Atopámola matriculada na Facultade de Farmacia no ano 1926 e matricúlase nos seis cursos por oficial, rematando a carreira e licenciándose no ano 1932. Vid: Cid Galante, Rosa María, Op.cit.

02 marzo 2011

EVA ARIAS ARIA

Segundo me comunica Gustavo Docampo, Eva Arias é atleta. Naceu en Vilamartín en 1980, nalgún sitio figura que naceu en Santa Coloma de Gramanet, pode que sexa filla da emigración, en calquera caso a súa familia vive en Valdeorras e os seus seus primeiros pasos como deportista foron no Club Adas do Barco da man de Agustín González. É campiona de España en 3000 metros obstáculos. Vid: La Voz de Galicia

01 marzo 2011

SARA SOTO POMBAR

Sara Soto Pombar naceu en Ourense polo ano 190o e ingresou no Instituto Provincial en 1914. Neste centro estudaría catro curso, o primeiro por libre e os outros por oficial. Acada unha cualificación media de notable e logo trasládase á Escola Normal de Ourense. Constan no Instituto as súas irmás Mercedes Soto Pombar e Josefa Soto Pombar. Hai que dicir que entre as doazóns que deron ao Asilo de Horfos de Ourense está a de Sara Soto Pombar, falecida en Ourense o tres de novembro de 1985. Cedeu ao Asilo o inmoble da Avenida da Saínza. Vid: Cid Galante, Rosa María e Benso Calvo, Carmen, Los expedientes de las estudiantes de bachillerato: una fuente básica para el estudio del alumnado femenino de los institutos. Ourense como ejemplo (1900-1930), Revista Historia de la Educación, 26,2007. Hernández Figueiredo, J.R., Las Hijas de la Caridad en Ourense. Beneficencia y enseñanza (siglos XIX y XX), Deputación Provincial de Ourense, 2007, p. 327.