Etiquetas

13 marzo 2011

MARINA GONZÁLEZ HERMIDA

Naceu o 25 de febreiro de 1904 en Bande. En 1927, cando tiña 24 anos, matricúlase na Facultade de Medicina en Santiago para estudar a especializade de matrona. Como sabemos, os cursos de matrona comprendían dous cursos e ela realízaos con brillantes cualificacións. En 1929 tiña o título de matrona coa cualificación de sobresaliente.

 Para a  regulación dos estudos de matrona ditouse a  Real cédula o 10 de decembro de 1828, e de forma máis exhaustiva, a do 21 de novembro de 1861 onde se regulou o ensino de practicantes e matronas. 

 Para realizar esta especialidade requiríanse unha serie de condicións: ter cumpridos 20 anos, ser casada ou viúva, ter cursado a primeira ensinanza elemental completa e ter aprobado as disciplinas seguintes: obstetricia, fenómenos do parto e sobreparto naturais e os laboriosos, regras para asistir ás parturientes e paridas e aos nenos, primeiros e urxentes auxilios e maneira de administrar auga. 

Os estudos e prácticas efectuaríanse a porta pechada e en horas distintas dos practicantes. Dita sección autorizouse en Madrid, Barcelona, Granada, Santiago, Sevilla, Valencia e Valladolid. O RD de 10 de agosto de 1904 no seu artigo 13 dicía que para facer a inscrición no primeiro curso de matronas esixíanse estes requisitos: primeiro, ser maior de idade; segundo, certificado de aprobación nunha Escola Normal de mestras, da ensinanza primaria superior; terceiro, autorización do home se fora casada.

Vid: Cid Galante, R. "As primeiras ourensás ante o reto da educación universitaria", Revista Minius; ORTIZ GÓMEZ, Teresa, “De matrona a matrona: Francisca Iracheta y la divulgación de la ciencia obstétrica en España en 1870”, en Arenal, nº 1, vol. 6, pp. 183-195