Etiquetas

01 mayo 2011

SARA RUMBAO CONDE

Naceu en Allariz o 24 de xaneiro de 1888. Matriculouse no Instituto de Ourense no curso 1910-11 para cursar os estudos de Maxisterio. As materias que cursou foron Relixión e Historia Sagrada; Gramática castelá de 1º; Nocións de Aritmética e Xeometría; Nocións de Xeografía e Historia e Debuxo. En todas elas sacou sobresaliente. 

Tan só realizou un curso pois, como é sabido, a partir de 1912 suprimíronse os estudos de maxisterio para mestras nos Institutos. Polo tanto, solicitou traslado á Normal de León. 




Titula na Normal de León en 1912 como Mestra de Primeira ensinanza no grao elemental sacando a cualificación xeral de sobresaliente. A continuación trasladouse á Escola Normal Central de Mestras onde aparece rexistrada ata 1914 acadando unhas cualificacións brillantes que lle fan conseguir o título de maestra nacional de primeira ensinanza superior cando tiña 44 anos. Comezou a exercer a docencia desde 1918 sendo mestra na escola de San Martín de Pazo de Allariz. 

En 1932 ingresou na Escola Normal de Ourense para realizar o Curso Profesional. No expediente consta que estivo de mestra no Colexio Curros Enríquez e chegada a ditadura foi examinada pola Comisión de Depuración que, finalmente, confírmalle a praza no centro pois os informes sobre ela eran favorables.

Posteriormente, exerceu como inspectora e estaría destinada en Córdoba e despois veu para  A Coruña.

Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e educación en Ourense (1900-1930), tese de doutoramento en publicación; Galicia, 2 de outubro de 1932, p. 1; "Información del magisterio", Galicia, 21 de setembro de 1935, p. 6; "Nombramientos de maestros interinos grado profesional", El Eco de Santiago, 3 de marzo de 1937, p. 2.