Etiquetas

28 noviembre 2012

NURIA SOTELO RODRÍGUEZ

Naceu en Ourense en xaneiro de 1978. Comezou no mundo da danza dende moi pequeniña. Cando estudaba na facultade estudando Veterinaria formou parte das aulas de danza e de teatro e, xa traballando de veterinaria, tomaba todos os cursos de danza contemporánea aos que tiña acceso, tanto en Galicia como en Portugal, Cataluña, etc.. Ata que se presentou ás Audicións do Centro Coreográfico Galego e collérona. Actualmente dedícase á danza e creou a súa propia compañía de Danza animada por Ana Vallés quen a axudou na montaxe da súa obra "Métase nos seus asuntos". Actualmente é a presidenta de Danesga, a asociación de danza galega. Traballa arreo pola danza e pola súa nova empresa.
Vid: DANESGA

13 noviembre 2012

ASUNCIÓN GONZÁLEZ "POBRE ASUNCIÓN"

Asunción González foi unha muller que tivo unha desgraciada morte. Foi a vitima dun home ateigado pola ira e os ciúmes ao ver a Asunción acompañada polo seu noivo. Corría o Venres Santo do ano 1891. Asución atopábase na Praza Maior en compaña do seu noivo cando un home se achegou e matouna. Ela morreu no acto e o asasino foi detido e estivo en prisión. Un crime paixoal que sería recollido nun dos relatos de Alvaro Cunqueiro.
Descansan os seus restos no Cemiterio de San Francisco e na súa lápida pode lerse "Pobre Asunción". Deseñou o epitafio e o monumento funerario Juan Xesta que fora noivo de Asunción pero que cando aconteceu o terribe suceso xa non estaban saíndo.
Na actualidade Asunción sempre ten flores na súa tumba. O grupo de Mulleres Feministas e representantes da Marcha Mundial de Mulleres (MMM) depositan unha ofrenda de flores o día contra a violencia de xénero que é o día 25 de novembro.
Vid: La Región
Soitu

11 noviembre 2012

VICENTA ALONSO-CUEVILLAS ÁLVAREZ-SEARA

Era a nai de Florentino López Cuevillas. Pertencía a unha tradicional familia ourensá na que confluían os Cuevillas, orixinarios de Miranda do Ebro -propietarios, administradores do patrimonio de familias señoriais, funcionarios...- e os Seara, vella estirpe ourensá emparentada coa fidalguía. Era filla dun recoñecido brigadero que desempeñou importantes cargos militares na cidade de Ourense. Casou con Florentino López Barbán, delegado de Facenda, pero morreu en Lugo e ela quedou viúva e cun único fillo que sería Florentino López. Este vivirá a súa infancia moi achegado á súa nai, á que lle profesará un amor exclusivo e coidadoso, sendo criado con mimo.
Vid: VV.AA, Gran Enciclopedia Gallega. Entrada López Cuevillas. Tomo 19, Gijón, 1974, pp. 141-147.

BEATRIZ HERVELLA NOGUEIRA

Naceu en Ourense en 1976. Os seus pais, ambos os dous profesores, sempre foron moi sensibles a temas relacionados coa educación; sempre valoraron a adquisición de coñecementos así como o desenvolvemento dunha personalidade autónoma e ética; por todo iso decidiron que a súa formación se realizase en centros públicos. Estudou, no colexio público de Curros Enríquez e no instituto público das Lagoas; alí atoparía aos seus mellores amigos.

Decidíu facer a carreira de Físicas, (sen excesiva vocación; pois gustáballe todo, a verdade) na Universidade de Santiago de Compostela; licenciouse en 1998, especializándose en Física de Partículas. No seu último ano de licenciatura cursou a materia de Física de Fluídos, a pesar de que non era da súa especialidade, quedou fascinada por ela e condicionou a súa existencia. A súa tese de licenciatura centrouse neste campo, e traballou xa cun modelo meteorolóxico. O departamento da universidade no que estudaba deu orixe a MeteoGalicia, onde comezou a traballar desde o seu nacemento no ano 2000. A partir de xullo de 2001 comezou a compaxinar o seu traballo en MeteoGalicia coa elaboración e difusión de información meteorolóxica na TVG. Á marxe destas dúas actividades, aínda conseguiu un pouco de tempo para investigar en meteoroloxía; en concreto traballou no proxecto MEDEX (MEDiterraneanEXperimenton"Cyclonesthat produce highimpactweather in the Mediterranean"); trátase dun proxecto auspiciado pola Organización Meteorolóxica Mundial no que traballaba con modelos meteorolóxicos tratando de melloralos na predición de fenómenos adversos, fenómenos potencialmente perigosos de choiva e vento.

Na actualidade, afastada xa de Meteogalicia e Televisión de Galicia, traballa na creación da empresa “4pingas atmosfera & océano”.

Fonte: Información proporcionada a través de Elena Fidalgo Laínez a quen lle agradezo a súa colaboración neste blog.

03 noviembre 2012

AS CASTAÑEIRAS

As castañeiras eran aquelas mulleres do Ourense dos anos trinta e corenta que acudían á cidade no inverno ofrecendo castañas frescas. Segundo Xaquín Lourenzo, o forno, chamado fornalla,  para asar as castañas facíano enchendo un caldeiro vello de ladrillos e barro, cun buraco na parte inferior,que facilitaba a combustión. Levaba un enreixado de ferro para evitar que caíse o carbón e na parte superior poñían a tixola de lata para asar as castañas.
Montaban o seu "negocio" nun portal ou á intemperie, en calquera recanto apropiado, acendían o lume, axudándose dun abano e, feitas as amoxegadas ás castañas, poñíanas na tixola movéndoas de vez en cando. Ao irse asando botábanas nunha cesta cuberta de sacos para conservalas quentes. Algunhas castañeiras montaban un pequeno local onde vendían froita e castañas asadas ou crúas.
Na nosa cidade temos unha homenaxe ás castañeiras na fermosa representación escultórica de Xosé Cid realizada en bronce.
Cando non era a época das castañas, algunhas castañeiras vendían tamén froita alquilando un pequeno local.
Vid: Lorenzo, X. Historia de Galiza, Vol 2, Buenos Aires, 1962.