Etiquetas

25 octubre 2013

PILAR SIDAROL

Un traballo moi interesante elaborado pola Biblioteca Nacional de España céntrase nas Impresoras españolas dos séculos XVI ao XIX. Quérese poñer en valor o papel da muller no mundo do libro. A maioría delas eran viúvas ou fillos de impresores e que herdaron o negocio familiar. Por este motivo, e por non figurar máis que nos pés de imprenta e pola escasa consideración social, apenas son recoñecidas.
O traballo ben merece unha visualización pois resaltan que o rol da muller nas imprentas foi máis activo do que puidera parecer non só imprimindo libros senón difundido ideas.

O caso que nos ocupa agora é do de Pilar Sidarol. Pilar era ourensá e estaba casada con Pedro Lozano. Pedro Lozano era rexente da imprenta ourensá que era propiedade de Don Francisco Luís Compañel que era de Santiago e que, tras falecer, quedou como encargada do seu negocio a súa dona e os seus fillos que viñeron para Ourense onde permaneceron tan só un ano.  Pero Pedro Lozano  faise co negocio da viúva de Compañel adquirindo tamén a imprenta que tiñan en Santiago. Da súa imprenta sairá o Boletín Eclesiástico, o periódico a Lira del Miño, o Boletín Oficial de Bens Nacionais, etc. Tras a morte do impresor queda a súa viúva ao cargo da imprenta durante os anos 1863 a 1885 e no 1900 pasará a chamarse Fillos de Lozano.

Aínda que non consignemos máis da vida de Pilar Sidarol, bo é lembrar o seu nome  e o papel que desempeñou na difusión das publicacións periódicas da nosa cidade.
Vid: Memoria acerca de la imprenta y el periodismo en la provincia de Orense. Boletín nº 207-208 - (Carré Aldao, Eugenio.)
Vid: Biblioteca Nacional: http://www.bne.es/es/Micrositios/Guias/MujeresImpresoras/Introduccion/