Etiquetas

26 mayo 2015

ANA SÁNCHEZ

Ana Sánchez era natural de Ourense,  filla do libreiro Alonso Sánchez e de Francisca Ramos. Ana Sánchez tiña unha irmá, chamada María, que casou en 1592 co ensamblador Pedro Brunes, natural de Flandes. Na carta de dote desta última, establecíase que os cónxuxes vivirían un ano cos pais dela, baixo a condición de que o que María gañase durante ese ano no oficio e arte de libreiro, ou en calquera outro, fose para os seus pais.

Por outra banda, Ana Sánchez, casou cun colega de seu pai, o libreiro Domingo Gómez, tal e como era habitual entre os artesáns e mercadores. En 1609 Ana xa estaba viúva, mais continuaba co negocio familiar ata que esta morreu no ano 1610. No reconto dos seus bens e da librería rexistráronse 195 obras permiten retratar o gusto da clientela ourensá: obras relixiosas como misais, breviarios ou vidas de santos, obras de autores clásicos como Aristóteles, Virxilio, Cicerón, Tito Livio, Ovidio, Xuvenal e Esopo, de autores contemporá- neos como Frei Luís de Granada ou libros de xurisprudencia, de cirurxía e de ensinar a ler e escribir. Ao mesmo tempo, tamén deixou gravados en madeira, estampas, impresos de poderes, “paulinas” e cartas de pago, así como papel en branco e tres peles de pergamiño e instrumentos do oficio de encadernador.
Vid: García Fernández, Miguel, "Alfabetización, autoría e produción impresa. Unha aproximación en feminino á cultura letrada da Galicia Moderna", Cuadernos de Estudios Gallegos, LIX Núm. 125 (enero-diciembre 2012), pp. 216-217.

16 mayo 2015

ÁNGELES GÓMEZ VILA

Naceu o 31 de xaneiro de 1916 en Baños de Molgas. Era filla dun industrial. Despois de cursar estudos de bacharelato accede á Universidade de Santiago en 1939 para estudar Farmacia, estudos que realiza de forma oficial.
Licénciase en 1947.

08 mayo 2015

ELVIRITA CUEVILLAS


Coñecida era por Elvirita, muller elegante, sorrinte e tenra da nosa cidade. Elvira Cuevillas levaba o apelido dun ilustre ourensán pero ela soubo gañarse o aprezo e a admiración de moitos. Mestra de profesión, muller adiantada ao seu tempo, muller que arrincou panexíricos por parte de numerosos ourensáns.
E se mo permiten, as palabras que lle dedicou Alfonso Vázquez Monxardín na Rexión, son moi bonitas e gústame reproducidas aquí pois a través delas achegámonos a esta dona ourensán de cabelo albo:



Titúlao así:                       ELVIRA CUEVILLAS, A MOZA MÁIS NOVA
De Alfonso Vázquez Monxardín
(Publicado en La Región 1-5-2013)

"Elvira Cuevillas, esa moza elegante, coqueta, culta, afable, de cabelo curto e inmaculadamente branco, que se entretiña en espallar pola cidade adiante sorrisas amables sempre, e xuízos críticos cando cumpría, acababa de emprender a viaxe defintiva. Seguramente, seu pai, Florentino, o eixo histórico da xeración Nós, fondamente católico e de misa diaria ?algo que non deu inculcado en Elvira, esta filla tamén doutros tempos e doutras ideas- aseguraría que estaría no ceo. E se cadra si. Pero en calquera caso, o lugar onde estea ela será mellor, máis divertido, que antes da súa presenza.

Elvira, filla de don Floro e dona Julia, a maior das tres irmás, Julia e Milagros as outras, pasaba xa dos noventa, pero tiña que dar a volta para que non pensases que era unha nena moderna, cos seus vestidos, os seus colares, os seus pendentes, o seu sorriso.

Elvira formara parte desas mozas transgresoras de cando ninguén o era, que un día dos anos sesenta marchou por Europa, a Holanda de partida creo, pero tamén a outros sitios, exercendo de mestra de nenos, e cun mozo, José Luís o Pitolas, primo de meu pai, para escándalo da cidade conservadora. Ela, de broma, sempre me recordaba que eramos case parentes. O Pitolas non foi o único pero se cadra foi o seu grande amor.

Nos últimos anos viviu de acabalo entre o Sanxenxo tranquilo de contratemporada o relax da natureza- e o Ourense matricial e dos encontros activos coas amigas e amigos de varias xeracións

Lembro as súas bágoas na rúa e como se tivo que sentar nunha terraza da rúa da Paz o día que lle dixen que Marcos Valcárcel acababa de morrer. Vitalista apaixonada da cultura, sempre presente nas Xornadas da Filosofía de Pontevedra, nas conferencias e concertos que había na cidade, escoitando aos escritores, amigos, participando nos clubes de lectura, de cine case diario?

Faláballes antes de amigos de varias xeracións. Permítanme que lles conte unha anécdota que me relataba emocionado hai meses o amigo Xosé María Eguileta, motero, arqueólogo municipal, cuevillista apaixonado de don Floro, e da boa xente da Fundación Vicente Risco que tanto a mimaron. Pois contábame que un día, hai un par de anos, Elvira díxolle que lle gustaban as motos grandes. E que nunca fora nunha tan chula como a del. Despois de pensalo un pouco, e como Elvira estaba rufa, Eguileta deixoulle un casco, unha chupa de coiro e á mañá seguinte foron almorzar a Soutelo de Montes. Seica disfrutou como unha nena. Seguramente porque tivo a sorte e a sabiduría de nunca deixar de selo de todo. 

Elvira Cuevillas, Sit tibi terra levis. Que a terra che sexa leve. Por aquí, desde logo, ímoste botar de menos."


Preciosas palabras as que lle dedica Alfonso V.Monxardín, sen dúbida, non puiden remediar poñelas aquí.

Vid: La Región