Etiquetas

28 mayo 2017

PAZ GULÍAS NANTES

Coma sempre, para este blog, é unha honra incluír a mulleres tan relevantes como Dona Paz Gulías Nantes grazas á xenerosidade e permiso do seu fillo Néstor Martín Gulías, catedrático de Debuxo Técnico.
Acláranos don Néstor que a súa nai, Dona Paz Gulías Nantes, naceu en Marín (Pontevedra) pero, desde moi nova, veu vivir a Ourense e aquí casou con Néstor Martín Pardo, catedrático de violín do Conservatorio de Música de Ourense.
Dona Mª Paz Gulias Nantes  foi unha pintora e escultora profesional consagrada, con máis de 100 exposicións individuais en España e no estranxeiro. Foi bolseira polo Ministerio de Educación no ano 1959 en Vigo (Pontevedra) e obtivo varios diplomas e premios entre eles:
  • O da Terceira Bienal de escultura de Artistas galegos en 1977 en Sarria (Lugo)
  • Premio de pintura no Liceo casino de Marín (Pontevedra) en 1980
  • Premio do foro cultural de Coyoacán en 1980 de México D. F.
Hoxe figuran as súas obras en centros oficiais e museos, por exemplo,  no Palacio de Lidia o Retrato da Duquesa de Alba; no Palacio da Zarzuela, o Retrato de S. M. O Rei don Juan Carlos.
Dedicou toda a súa vida á arte da pintura, do debuxo e da escultura sen descanso, compatibilizando o desenvolvemento de toda a súa obra coa docencia no colexio Salesianos de Ourense e nos seus estudos particulares de Oviedo (1992-1994), e máis adiante nas salas de arte particulares de Vigo e Ourense (1995-2002). Mª Paz Gulias Nantes deixou máis de 5000 obras das que existen unhas 1000 catalogadas.
Desde 1959 ata 1996 levou a cabo numerosísimas exposicións e as súas obras están expostas por toda Galicia e no resto de España así como en coleccións particulares no estranxeiro. 
Non cabe dúbida que estamos ante unha muller salientable no mundo das artes.Cun estilo pictórico achegado ao impresionismo, de temática variada e rica, de pincelada notable e grosa e de cores vivos e brilantes.Detrás de todo iso hai un gran dominio do debuxo e das técnicas pictóricas. Nas súas esculturas decántase maiormente pola figuración feminina con xestos graciosos e optimistas e onde a cor volve ter protagonismo.

17 mayo 2017

MARÍA FERNÁNDEZ ACHE

María Fernández Ache, é dramaturga e actriz, nacida en Verín (Ourense) e residente en Londres.

María Fernández Ache, menos coñecida en España xa que a maior parte da súa carreira desenvolveuse en Inglaterra, é unha actriz, autora teatral e directora que cultivou varios premios internacionais .
Está casada co actor Will Keen, protagonista de Refuxiados.
Entre as obras dirixidas destaca A Traizón que é unha adaptación da obra homónima do Premio Nobel británico Harold Pinter onde profúndase nas consecuencias da mentira e a deslealdade.
Vid: Galicia Dixital


19 marzo 2017

DOLORES R.

Hoxe dedicamos esta entrada a Dolores R. unha historia conmovedora que é o reflexo da sangría da emigración ourensá. É unha historia que recolle magnificamente o noso amigo David Simón no seu magnífico Diario de un médico de guardia que é digno de consultar.
Conta David Simón como lle impactou a Luis Seoane a historia de Dolores e como quixo reflectila nun cadro.
Dolores R. era unha muller ourensá que nos anos sesenta viaxa a Xenebra para ver aos seus fillos. Ela nunca saíra da súa aldea e, polo tanto, os veciños colgáronlle un cartel co enderezo dos seus fillos. Foi no tren sen quitar nunca o cartel para que lle indicaran que tren debía coller cada vez e chegou a Xenebra e amosaba o seu cartel e non falaba. Non a deixaron pasar e os seus fillos non puideron facer nada. Así que, montárona no tren para voltase á súa aldea.
É un duro testimonio da emigración e da dor que causa nas familias a separación dos fillos cando se ven obrigados a marchar.
Supoño que moitas mulleres ourensás sentiron o mesmo e viviron parecidas historias. Para elas esta homenaxe ás nais, mulleres ourensás, que viron partidos os seus corazóns.

Diario de un médico de guardia
(Piquen no enlace, lean a marabillosa entrada de David Simón)

11 marzo 2017

ROCÍO AREÁN ÁLVAREZ

Rocío Areán Álvarez naceu en Ourense no ano 1920 no seo dunha familia solvente. Figura inscrita no Instituto Provincial de Ourense pero non figura o seu expediente, aínda que si o da súa irmá, Isabel que remata os estudos para trasladarse á Universidade. Rocío, máis nova que a súa irmá, tamén conseguirá o título e trasladaríase á Universidade (lamentablemente nos expedientes da Universidade de Santiago non figura, poida que se trasladara a outra cidade). Rocío Areán será unha das profesoras do colexio Cisneros impartindo Lengua e Literatura.
Vid: Cid Galante, Rosa María, Muller e Educación en Ourense 1900-1930.

04 marzo 2017

CARMEN LORENZO MARTÍNEZ

Naceu en Lovios no ano 1917. No ano 1939, cando tiña 22 anos, matricúlase na Facultade de Farmacia de forma oficial. Remata os estudos no ano 1943, licenciándose nese ano e obtendo unha boa cualificación media, segundo consta no seu expediente.
Esta información foi extraída da miña base de datos das primeiras ourensás que accederon á Universidade. No expediente consta como María, non como Carmen (aínda que este detalle parece ser habitual, pois atopeime varios casos) Se fose así, é dicir, que eludirían nos expedientes o nome de Carmen, podemos pensar que María Lorenzo (como así se recolle nos expedientes) puidera ser a profesora Carmen Lorenzo que exerceu como profesora no Instituto Provincial de Ourense.
A fotografía que se amosa é a que figura no blog do meu aprezado amigo Rafa Salgado, gran coñecedor da vida ourensá.
Vid: Cid Galante,Rosa María, Muller e educación en Ourense  1900-1930.
Foto: Ourense no Tempo.

28 febrero 2017

INÉS PÉREZ BELMONTE

Inés Pérez Belmonte, muller destacada na historia de Ourense do século XVI,  estaba casada co corrixidor de Ourense, a quen mataron as hostes do señor do Palacio de Ocas (o actual Liceo). Con afán de xutiza, Inés  preiteou contra os asasinos do seu marido durante tres anos. Finalmente acabou casándose co de Ocas. E cando o seu segundo marido morreu, o primoxénito herdou o palacio e ela tivo que irse co resto dos seus fillos a seguir buscando un futuro. Mentres tivo poder económico e social, Inés Pérez Belmonte foi unha auténtica mecenas. Ela encargou e pagou a Inmaculada de Juan de Juni que custodia o Museo ourensán o que demostra o seu gusto refinado, a súa independencia económica e esa capacidade de liberdade e decisión que a caracterizaron.

Dona Inés tiña unha forte personalidade e poderoso atractivo, pertencente á fidalguía ourensá, tivo unha educación exquisita, parella á que recibiu o seu irmán en Salamanca. Durante anos residiu no Palacio dos Oca, hoxe Liceo ourensán, e no Palacio de Afonsas, en Celme. Soubo facerse visible nunha sociedade hostil e discriminatoria cara á muller, participando activamente na vida social da cidade. Sempre fixo valer os seus dereitos non evitando preitos nos que defendía os seus intereses e os dos seus fillos.
Vid: Gallego, Olga. Historia da muller. Mulleres ourensáns dos séculos XIV-XVIII. Xunta de Galicia, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: Servizo Galego de Igualdade; [Ourense]: Grupo Marcelo Macías, Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, 2008.

Foto: Inmaculada de Juan de Juni. Obra encargada por Dona Inés. No Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.