Etiquetas

25 octubre 2017

MARUXA VILLANUEVA

Nada na Barrela (Carballedo-Lugo) en 1906, residiu despois en Ourense e posteriormente emigrou a Arxentina. Alí iniciaría unha exitosa traxectoria teatral, cando no ano 1938 incorporouse á Compañía de Teatro Aires dá Terra, na que tamén estaba o ourensán Fernando Igrexas, coñecido como Tacholas. Formou a súa propia compañía e puxo en escena a práctica totalidade da obra de Castelao.

Durante os longos anos que botou na Arxentina trabou amizade con Salvador de Madariaga, Eduardo Blanco Amor, Xavier Bóveda, Ramón D.Villar, Castelao, Alberto Vilanova e sobre todo, coa pianista e soprano arxentina Maruja Iniesta.


En 1949, regresou á terra, non sin recibir antes unha gran homenaxe na Casa de Galicia de Buenos Aires. Aquí intentou reproducir as actividades culturais desenvolvidas na Arxentina, aínda que atopou moitas dificultades. A súa amizade con Otero Pedrayo deulle a oportunidade de facer unha actuación musical no Círculo das Artes de Lugo con grande éxito. A esta, e sempre introducida por persoeiros importantes da cultura galega, seguiron outras en Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo. En 1953, retomou tamén a actividade teatral cuna pequena compañía, "Os Labregos", dirixida por ela, integrada por xente nova da súa parroquia natal. Aínda que as actuacións que fixeron tiñan fins filantrópicos, a censura franquista rematou coa súa actividade. 

Anos máis tarde, en 1958, desencantada polos problemas existentes en Galicia para desenvolver o seu labor, Maruxa volve a Bos Aires onde permanece casi catro anos. Prodúcese unha nova decepción, xa que na colectividade galega e na propia Arxentina, a actividade cultural decaera moito. Aínda así, durante eses anos integra o trío vocal "Rosalía de Castro", xunto coas sopranos arxentinas Elsa de Zoppo, e a súa grande amiga Maruja Iniesta. 

En 1962 retorna definitivamente a Galicia e despois dunha breve estadía na Barrela, instálase durante un tempo en Ribadavia cuns sobriños. Trasládase a Santiago en 1969 e pouco despois entra en contacto co Padroado Rosalía de Castro, participando na súa Comisión de Donas e colaborando na obtención de fondos para restaurar a casa da Matanza e facer o museo. Cando en 1971 o Dr. Agustín Sixto Seco foi elixido presidente do Padroado, propúxolle a Maruxa atender a Casa Museo, o que fixo viaxando desde Santiago, onde viviría ata 1974. Desde ese ano instalouse definitivamente en Padrón, dedicando todo o seu tempo á casa e á obra de Rosalía e converténdose nunha auténtica especialista no tema. Gracias á súa mediación, ao ano seguinte, Televisón Española emitiu unha versión de La hija del Mar.

En decembro de 1990 viaxou por última vez a Arxentina enviada polo Padroado para entregar unha axuda económica ao seu grande amigo e colega nos escearios teatrais, Fernando Iglesias "Tacholas". Nesa ocasión a Asociación de Mos de Bos Aires fíxolle unha sentida homenaxe. Non foi a última, xa que polo seu labor cultural Maruxa Villanueva obtivo en vida moitas distincións. Entre outras, unha das máis entrañables, foi a homenaxe recibida na súa aldea natal da Barrela en 1991, o mesmo ano no que a Xunta de Galicia lle impuxo a Medalla Castelao. En 1993 foi nomeada presidenta honoraria da Asociación polos Dereitos do Emigrante Galego de Bos Aires. Recibiu tamén postumamente o premio María Casares de teatro.

Maruxa Villanueva, finou no Hospital de Conxo de Santiago de Compostela o 24 de novembro de 1998 os noventa e dous anos de idade.

Vid: La Región